O Castelo de San Antón da Coruña participará nun evento astronómico mundial esta fin de semana

ACoruñaXa
O Concello colabora coa Agrupación Astronómica ÍO na organización desta cita, que terá lugar o sábado 15, xunto a unha serie de actividades polas Xornadas Europeas de Arqueoloxía
Imaxe do cartel do evento astronómico no castelo de San Antón
10 Xuño 2024

O castelo de San Antón abrirá as súas portas a vindeira fin de semana ao evento astronómico mundial 'On the Moon again', unha cita que comezou a celebrarse en xullo do ano 2019, cando se conmemorou o medio século da chegada da humanidade á Lúa.

Dende entón, esta convocatoria foi levándose a cabo ano tras ano a escala global, coa implicación de 77 países e a celebración de máis dun milleiro de encontros colectivos nos que as persoas participantes asisten, por exemplo, a sesións de observación lunar como a que terá lugar o próximo sábado 15 en San Antón, en horario nocturno.

Neste sentido, o Concello da Coruña colabora coa Agrupación Astronómica ÍO na organización desta xornada, que non precisa de inscrición previa e será aberto á cidadanía, ata completar a capacidade prevista e atendendo á orde de chegada. Cómpre lembrar, ademais, que a asociación ofrecerá ás persoas asistentes o uso de telescopios facilitados polas socias e socios de ÍO, que tamén serán protagonistas en clave divulgativa ao longo da noite. A cita forma parte do amplo abano de actividades culturais e científicas organizadas para este ano polo Goberno de Inés Rey.

A sesión de observación do satélite lunar terá lugar entre as 21.00 horas e 00.00 horas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o faciliten.

San Antón, un dos núcleos de actividade polas Xornadas de Arqueoloxía

Ademais da sesión de divulgación nocturna, o castelo de San Antón acollerá a vindeira fin de semana diversas actividades de ocio incluídas na programación polas Xornadas Europeas de Arqueoloxía, que se celebran entre o sábado 15 e o domingo 16, tamén no Castro de Elviña.

Neste sentido, aínda hai prazas dispoñibles en varios dos talleres e obradoiros infantís, así como nos percorridos guiados por San Antón e o Castro de Elviña, que haberá ao longo da fin de semana.

As persoas interesadas en solicitar praza poden facelo chamando ao teléfono 981 189 850. A participación é gratuíta. A información completa pode consultarse nesta ligazón.

P_Suceso_1453868888121_1099934327828_1200_1280_U_5dc6528cb9d98e6a8a99c4eb12f2b88
0.18722605705261