O cantautor coruñés César de Centi dará un concerto no Museo Arqueolóxico de Cambre

ACoruñaXa
O recital levará o nome de 'Historias con canción', cancións con historia, e terá lugar o xoves, 25 de abril
César De Centi
17 Apr 2024

Como parte do programa municipal 'As noites do museo' promovido polo Concello de Cambre, o cantautor coruñés César de Centi dará un concerto no Museo Arqueolóxico de Cambre.

Baixo o título 'Historias con canción', cancións con historia, o autor interpretará diferentes temas cun nexo en común: que todos eles son facilmente recoñecibles e narran capítulos da historia de España e doutros países. O recital terá lugar o xoves, 25 de abril, ás 20.30 horas.

Ademais da propia música, cada unha das pezas interpretadas por de Centi virá precedida por unha pequena introdución histórica. Despois do relato, o autor dará a coñecer as súas versións de clásicos como, por exemplo, o Bela ciao.

O concelleiro, Ramón Boga, explica que o recital forma parte do proxecto As noites do museo, co que se busca ofrecer aos veciños e veciñas actividades que lles permitan ter “unha aproximación distinta dá historia e do patrimonio tanto de Cambre como de Galicia”. Como parte desta iniciativa leváronse a cabo dúas visitas nocturnas guiadas á igrexa de Santa María de Cambre e unha charla sobre o Samaín a cargo do historiador Tito Concheiro.

O aforo para o concerto do xoves é limitado, polo que as persoas interesadas deberán retirar as súas entradas previamente. Poderán facelo a partir do luns, 22 de abril, no Museo Arqueolóxico de Cambre.

0.15223217010498