O Campus Xuncas de Cambre chega ao se fin
Cambre despediu á nova canteira de novas promesas do baloncesto. Trátase de máis dun centenar de mozos e mozas que se formaron, ao longo das últimas semanas, no Campus Xuncas Internacional, organizado polo Club Xuncas Diversia e o Club Baloncesto Cambre en colaboración co Concello. O concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, David Saborido, acudiu á clausura- do programa celebrada no pavillón Sofía Toro.
A iniciativa celebrouse no municipio durante as dúas últimas semanas, cultivando, unha vez máis, un gran éxito en cifras de participación. Esta é a cuarta vez que o programa se desenvolve en Cambre pero, neste 2024, introducíronse varias novidades. Entre elas, o Campus Xuncas adquiriu un carácter internacional, formando a mozos tanto de Galicia como do resto de España e mesmo do estranxeiro. Así, o alumnado procedía de Cambre, Culleredo, Nigrán, Montrove, Santiago, Lugo, Sarria, A Coruña, Madrid, Palma de Mallorca e Estados Unidos
Con respecto a outras edicións, o campus incorporou un grupo especial de tecnificación no que tomaron parte varias xogadoras da liga Feminina de Baloncesto. A maiores, o programa contou coa participación de 13 adestradores que se encargaron de inculcar aos mozos a paixón por este deporte. O Campus Xuncas Internacional contou tamén cun preparador físico e cunha fisioterapeuta.
Máis aló dos adestramentos, o campus ofreceu tamén propostas de lecer. Ao longo da experiencia, as persoas participantes puideron realizar saídas e outras actividades complementarias.