O campo de fútbol de Eirís comeza a funcionar este sábado
O Concello da Coruña recibiu nos últimos días a persoal técnico da Real Federación Galega de Fútbol, que supervisou o novo campo de fútbol municipal de Eirís, unha vez recepcionada a obra que supuxo un investimento municipal de 2 millóns de euros. Tras a súa visita ás instalacións, acordouse a súa homologación para a práctica do fútbol federado, polo que este sábado terán lugar os primeiros partidos no campo de Eirís.
Coa finalización desta obra, o Goberno de Inés Rey deu resposta a unha das demandas principais do tecido deportivo da cidade durante os últimos dez anos, apostando pola mellora dunhas instalacións municipais que se sitúan á vangarda. Remodelouse a superficie campo de fútbol, que pasou de ser de terra ao actual céspede artificial, adaptando nas súas medidas aos estándares da FIFA. Ademais, tamén se instalaron catro novas torres de iluminación, dous bancos para fútbol 11 e outros catro para fútbol 7. O campo queda completo cun novo peche perimetral.
Ademais da construción do novo campo, tamén se crearon uns novos vestiarios, totalmente equipados. Concretamente, o recinto conta agora con catro vestiarios para equipos de fútbol, dous para colectivos arbitrais, unha oficina e un almacén. Tamén hai tres aseos e un local para gardar o material deportivo.