O Campo da Leña celebra mañá o primeiro mercado ecolóxico do ano con actividades para cativos
Este domingo 19, o Campo da Leña será o escenario do primeiro mercado ecolóxico municipal de 2025, unha cita que regresa con forza para visibilizar o traballo de pequenos produtores locais e da área metropolitana. Organizado polo Concello, o evento pretende fomentar o consumo responsable e sostible, así como fortalecer a conexión entre os produtores e a veciñanza, todo nun ambiente dinámico e participativo.
A xornada dará comezo ás 10:00 horas cun espazo de dinamización infantil pensado para o goce das máis pequenas e pequenos, que estará aberto ata as 15:00 horas. Entre as actividades destacadas, ás 11:30 terá lugar un obradoiro creativo no que as crianzas aprenderán a fabricar figuras de castores empregando materiais reciclados. A actividade, que promove valores de reciclaxe e respecto polo medio ambiente, contará cun máximo de 15 prazas, polo que será necesaria inscrición previa no propio mercado desde as 10:00 horas. O obradoiro terá unha duración dunha hora.
Ás 12:30, será a quenda de Beíña, que presentará a sesión de contacontos ‘Onde nacen as apertas’. Trátase dunha actividade deseñada para estimular a imaxinación e a creatividade das crianzas a través das historias narradas nun ambiente familiar e acolledor.
Ademais, ao longo do mercado, o público asistente poderá gozar dunha variada oferta de produtos ecolóxicos e artesanais, que incluirán alimentos frescos, conservas, doces, plantas e outros artigos elaborados por produtores locais. Este mercado, que se desenvolverá periodicamente durante os meses de febreiro e marzo no mesmo espazo, busca consolidarse como un referente para o fomento do comercio de proximidade.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou á cidadanía a participar neste evento, destacando que “os mercados ecolóxicos municipais non só contribúen a apoiar os pequenos produtores, senón tamén a sensibilizar sobre a importancia dun consumo máis sostible e respectuoso co medio”.