O Campamento de Verán do CEIP Castelao abre inscricións para facilitar a conciliación familiar

ACoruñaXa
A ANPA do centro organiza, coa colaboración da ADC As Mariñas, unha nova edición da actividade entre o 22 de xuño e o 4 de setembro
ORDES ceip castelao
6 Jun 2026

A ANPA CEIP Castelao, en colaboración coa ADC As Mariñas, pon en marcha unha nova edición do seu Campamento de Verán, unha proposta dirixida ás familias que buscan alternativas de conciliación durante as vacacións escolares.

A actividade desenvolverase entre o 22 de xuño e o 4 de setembro e ofrecerá aos nenos e nenas un espazo seguro, educativo e lúdico no que compartir experiencias durante o período estival.

O campamento contará cunha programación variada, adaptada ás diferentes idades, na que se combinarán xogos, aprendizaxe e convivencia. Entre as actividades previstas figuran obradoiros creativos, piscina, saídas e excursións, xogos cooperativos, festas temáticas e propostas ao aire libre.

A organización ofrece diferentes modalidades de participación para adaptarse ás necesidades de cada familia. O campamento completo terá un prezo de 160 euros, mentres que a quincena custará 35 euros, a semana 20 euros e o día solto 5 euros.

Tamén haberá servizos complementarios de madrugadores, comedor e concilia, pensados para ampliar as posibilidades de conciliación. Cada un destes servizos terá un custo de 3 euros ao día ou 7 euros á semana, aínda que a organización lembra que non inclúen a comida.

As inscricións xa están abertas a través dun formulario en liña. As prazas son limitadas e terán preferencia as familias socias da ANPA CEIP Castelao.

 

0.12218189239502