O camiño entre Viadeiro e Bañobre ampliarase e mellorarase cun investimento de 54.000 euros

O Concello de Miño sacou a licitación por 54.051 euros a ampliación e mellora do camiño que conecta os núcleos de Viadeiro e Bañobre. O prazo para presentar ofertas rematará o vindeiro mércores 4 de novembro, ás 23:59 horas, mentres que o prazo estimado para executar os traballos será de tres meses.
A intervención centrarase nun treito que conta actualmente cunha anchura media de apenas 3,5 metros para a circulación de vehículos e persoas. A vía conecta dous núcleos que superan os 110 habitantes e dá acceso a un elemento patrimonial destacado da zona: a igrexa de Santa María de Castro, incluída no catálogo municipal de protección arquitectónica.
O proxecto contempla ampliar o espazo dispoñible para o tránsito mediante o aproveitamento das gabias existentes e a canalización das augas pluviais. Tamén inclúe melloras na drenaxe e na sinalización, así como medidas de integración ambiental e protección da seguridade viaria.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destaca o compromiso municipal coa mellora da mobilidade e das conexións entre os distintos núcleos de poboación. O rexedor subliña a importancia de contar con estradas máis amplas e espazos seguros para os peóns.