O calendario solidario do IES Francisco Aguiar regresa a Betanzos para apoiar a investigación contra o meduloblastoma

O alumnado do IES Francisco Aguiar volve impulsar, un Nadal máis, a edición do calendario solidario en lembranza de Noel Balsa González, unha iniciativa que busca recadar fondos para financiar investigación contra o cancro infantil, en particular liñas orientadas ao tratamento do meduloblastoma.
Segundo informa ACEBE, o centro editou por sétimo ano consecutivo estes calendarios solidarios a favor de CRIS Contra el Cáncer, co patrocinio da Fundación María José Jove. A recadación destínase integramente á investigación, mantendo vivo o legado de Noel, antigo alumno do instituto.
A proposta nace dun concurso artístico-literario promovido pola Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez: o alumnado presenta ilustracións vencelladas aos meses do ano e os doce mellores traballos conforman o calendario do 2026.
Os calendarios teñen un prezo de 5 euros e poden adquirirse na secretaría do IES Francisco Aguiar, nas oficinas de ACEBE CCA (de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas) e en once negocios colaboradores: Comercial Veiga, Amizar Psicología, Beatriz 13, Libraría Biblos, Óptica-Parafarmacia-Herboristería Selgas, Óptica Brigantium, Ortopedia Betanzos, Fontela 2000, T-Peino, O Ekolar e Xoma Kids.
Dende CRIS destacan que a mobilización social promovida arredor de Noel permitiu financiar avances e ensaios clínicos fronte a esta enfermidade. A propia entidade lembra que o proxecto medrou grazas á solidariedade cidadá e á aposta pola investigación