O bus urbano en A Coruña terá servizo especial na Noitevella

O Concello da Coruña ultima o dispositivo especial de transporte urbano previsto para a Noitevella e para o día 1 de xaneiro, dúas xornadas nas que o servizo contará con horarios específicos por tratarse de datas especialmente sinaladas do Nadal.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que o último servizo das liñas de autobús urbano o día 31 de decembro prestarase ás 21.30 h, momento no que a frota da Compañía de Tranvías da Coruña regresará ás cocheiras ata medianoite.
Xa ás 00.30 h entrarán en funcionamento os buses-moucho. Na madrugada do 31 de decembro ao 1 de xaneiro reforzarase o servizo con dous autobuses: un manterá o percorrido habitual e o de apoio realizará o traxecto en sentido inverso. Os buses-moucho permanecerán operativos ata as 7.30 h do día 1, cunha frecuencia de trinta minutos.
Posteriormente, ás 10.00 h da mañá do 1 de xaneiro, volverá o servizo convencional con dous buses por liña. A excepción será a liña 6, que conecta a avenida de Hércules con Meicende, e que como é habitual nos festivos prestará servizo con tres autobuses, dous da liña 6 e un da 6-A.