O BurgoJazz celebra a súa 25ª edición con catro noites de concertos no Botánico

Culleredo inicia mañá venres unha nova edición do Festival BurgoJazz, que este ano celebra o seu 25º aniversario cunha programación de catro noites no Xardín Botánico do Burgo. A cita prolongarase ata o luns 6 de xullo, con concertos ás 21.00 horas e entrada gratuíta.
O festival reunirá artistas do panorama galego, estatal e internacional nun dos espazos culturais máis singulares do municipio. O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou o nivel dunha programación que combina estilos diversos e que volverá encher o Botánico dunha atmosfera especial.
A edición deste ano contará coa participación de Wilson Ortega, que regresará ao BurgoJazz dez anos despois; o cuarteto de Pablo Sanmamed; o proxecto 'Tributo a Richard Galliano', e a proposta 'Olas y arenas', de Pepe Rivero e Ángela Cervantes.
A concelleira de Cultura, Penélope López, lembrou que o acceso será de balde, dentro da aposta municipal por achegar á cidadanía unha oferta cultural aberta e sen custo de entrada.