O buque escola Intermares imparte seis cursos de pesca no porto da Coruña

ACoruñaXa
Ao longo desta semana pasarán polas súas instalacións cerca de 60 alumnos e alumnas do CIFP Universidade Laboral de Culleredo
María Rivas visita buque escola
7 Feb 2024

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou este mércores o Porto da Coruña, para facer unha visita ao buque de cooperación e formación pesqueira Intermares, no que, ao longo desta semana, se imparten os primeiros cursos formativos do ano 2024 impulsados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para alumnado de diferentes especialidades.

María Rivas quixo poñer en valor que as actividades se retomaran na provincia da Coruña xa que “ofrece ao alumnado dos ciclos de formación unha oportunidade para aprender da man de grandes profesionais diferentes coñecementos e prácticas relacionadas co sector pesqueiro e así desenvolver as súas habilidades e o seu potencial”.

Baixo o lema ‘Formar para Avanzar’, o buque Intermares ofrece seis cursos relacionados con varias áreas de formación no ámbito náutico-pesqueiro aos que asistirán uns 60 alumnos e alumnas de diferentes modalidades no Instituto de Ciclos Formativos e Formación Profesional Básica Universidade Laboral de Culleredo. “É fundamental atraer á xente moza a este tipo de accións cuxo obxectivo é formar aos futuros e futuras profesionais para garantir unha boa xestión dos recursos no ámbito pesqueiro e así fomentar un desenvolvemento óptimo e sostible da actividade” expresou Rivas.

O buque conta con dependencias comúns como aulas-taller, salas de reunión, camarotes e laboratorios. Neste sentido a subdelegada subliñou que o alumnado vai ter a oportunidade de formarse nun buque cun equipamento de primeiro nivel, que é un referente neste modelo de formación, e que constitúe tamén “unha aposta por achegar á xente moza as posibilidades de acceder en mellores condicións a un mundo moi profesionalizado” e así axudar tamén ao relevo xeneracional.

María Rivas destacou que o buque tamén representa unha aposta pola colaboración entre dous ministerios, xa que a súa utilización con este fin formativo nace dun convenio entre o Ministerio de Defensa e o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación para aproveitar tanto as instalacións como o equipamento de primeiro nivel co que está dotado.

Os cursos que este ano ofrece o Ministerio de Agricultura son os seguintes:

• Manipulación e Conservación de Produtos da Pesca, cunha duración de 32 horas.
• Supervivencia na Mar, de 32 horas.
• Electrotecnia e Automatización, de 32 horas.
• Boas Prácticas de Limpeza e Mantemento de Instalacións a Bordo.
• Artes de Pesca e Tecnoloxía Pesqueira, que contará cun curso de mañá e outro de tarde, cunha duración de 20 horas cada un.

0.19271516799927