O BNG vota en contra dos orzamentos do IMCE 2025 por non priorizar as necesidades culturais da cidade
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeitou o proxecto de orzamentos para 2025 do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), levado hoxe a debate no Consello Reitor polo Goberno Local. A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, cualificou o proxecto como “pouco críbel” e criticou a falta de elementos que indiquen unha mudanza no funcionamento irregular deste organismo.
“En 2024, por unha xestión nefasta, o Concello tivo que recorrer a un recoñecemento extraxudicial de crédito para afrontar facturas pendentes de 2023. Todo apunta a que a historia se repetirá en 2025”, advertiu Queixas.
O BNG sinala tamén que o proxecto foi elaborado sen diálogo previo cos grupos da oposición. Segundo Queixas, as previsións presentadas son “pouco críbeis” e carecen dun enfoque que permita avanzar cara á transformación que precisa o IMCE.
A formación nacionalista tamén denuncia que as prioridades do Goberno Local permanecen inmutables, cunha maior dotación orzamentaria para festas en detrimento da cultura de base e do apoio ao talento local. “O IMCE continúa favorecendo a grandes eventos en lugar de investir no coidado e promoción da cultura que xorde do noso tecido creativo”, lamentou Queixas.
Ademais, desde o BNG critícase que o proxecto non inclúe solucións para as necesidades das infraestruturas culturais municipais nin contempla a actualización de concesións caducadas, como a de servizos complementarios.
“O Goberno Local continúa sen priorizar o que realmente importa: a cidade creativa que construíron figuras como Luís Seoane, Luísa Villalta ou Urbano Lugrís, e o tecido cultural de base que tanto valor nos dá como comunidade”, concluíu Mercedes Queixas.