O BNG vota en contra do orzamento de Bergondo para 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) optou por votar en contra do orzamento municipal de Bergondo para o 2025 durante o pleno celebrado recentemente. Segundo explicou o concelleiro nacionalista Miguel Nogueira, as contas presentadas polo Goberno Local non ofrecen solucións ás necesidades reais da veciñanza nin tiveron en conta as propostas trasladadas polo seu grupo.
“No pasado demos un voto de confianza, pero seguimos sen ver cambios significativos que permitan que Bergondo avance. Por iso, nesta ocasión o noso voto tamén cambia”, afirmou Nogueira. Entre os puntos máis críticos, o concelleiro destacou a xestión dun remanente acumulado de oito millóns de euros que, segundo sinalou, non se está a utilizar de forma eficaz. “Non é boa xestión ter ese remanente cando hai unha parroquia enteira como Lubre sen saneamento básico ou cando faltan instalacións deportivas e sociais como un centro de día. Ademais, poderíase mellorar servizos como o xantar na casa, que beneficiarían moito á veciñanza”, explicou.
Outro aspecto sinalado polo BNG foi a falta de dinamismo do modelo de participación veciñal. “Ano tras ano vese que non funciona, pero non se introduce ningún cambio para melloralo. É algo que precisa ser revisado para que a veciñanza poida involucrarse de forma máis efectiva”, destacou Nogueira.
Proposta para o mercado de horta
O pleno tamén incluíu unha proposta do BNG, aprobada por unanimidade con emenda do Goberno Local, para estudar a transformación do actual mercado de horta nunha feira con maior variedade de produtos. Segundo Nogueira, o mercado de horta, que inicialmente tiña cinco postos de media, reduciuse ata manter un único posto de maneira regular, o que evidencia a súa falta de consolidación.
“A idea é converter este mercado nunha feira ben organizada, con produtos variados como roupa, calzado ou embutidos, e cun calendario adecuado. Esta transformación non só beneficiaría aos vendedores ambulantes, senón tamén ao comercio local e á hostalaría de Bergondo, que poderían atraer máis clientes grazas á dinamización da zona”, argumentou Nogueira.
A proposta inclúe o traballo conxunto cos vendedores para definir as liñas principais desta nova feira e asegura que, de facerse ben, sería un motor de impulso económico e social para o municipio.