O BNG vota a favor da suspensión de licenzas nas Percebeiras e esixe un pacto para modificar o PXOM
O grupo municipal do BNG votou hoxe a favor da suspensión de licenzas urbanísticas nas Percebeiras, un primeiro paso cara á modificación do PXOM de 2013 neste ámbito. No pleno ordinario do Concello, a concelleira Avia Veira deixou claro que o apoio do BNG á modificación dependerá dunha negociación directa coa formación nacionalista, subliñando: “Para que o noso voto sexa favorábel, ten que pactarse connosco”.
A suspensión das licenzas responde a unha iniciativa previa do BNG no pleno de novembro, onde conseguiron a aprobación dunha moción sobre a zona con oposición do PP. Avia Veira destacou que esta acción marca o cumprimento dun dos puntos clave do Acordo de Investidura entre o PSOE e o BNG, que fixo posible a alcaldía de Inés Rey. “Se non fose polo impulso político do BNG, isto seguiría no esquecemento”, declarou.
A modificación do PXOM deberá garantir a protección das vistas da Torre de Hércules, a ampliación de zonas verdes e a harmonía coas vivendas existentes, abordando tamén os impactos do cambio climático. Veira rexeitou calquera posibilidade de “convenios urbanísticos negociados cos promotores” e advertiu contra a externalización de responsabilidades en materia de urbanismo, recordando casos controvertidos como As Xubias ou o Parque de Oza.
Ademais, o pleno aprobou tres mocións presentadas polo BNG. Unha relativa ao antigo cárcere provincial, na que o portavoz Francisco Jorquera instou ao Goberno local a negociar co Estado unha cesión gratuíta, partindo da sentenza que anulou un convenio previo e apelando á vontade política demostrada noutros casos similares en Granada ou Oviedo. As outras dúas mocións, sobre demandas do barrio da Agra do Orzán e o impulso do galego, tamén lograron respaldo, esta última co apoio do PSOE pero coa oposición do PP.
Na quenda de preguntas, Avia Veira criticou a falta de planificación do Goberno local respecto ao contrato do bus urbano, cuxa renovación non foi licitada a tempo. A continuidade provisional da concesión foi decretada para evitar a interrupción do servizo, pero Veira cualificou a situación de “neglixencia política”. Denunciou as malas condicións da frota e a falta de capacidade nos buses, situación que afecta diariamente á cidadanía.
Por outro lado, Mercedes Queixas volveu pór sobre a mesa as dificultades financeiras do Consorcio para a Promoción da Música, que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galiza e a Escola Municipal de Música. A concelleira acusou á Xunta de Galiza de manter unha débeda de 5,8 millóns de euros, calificándoa de “morosa” e reclamando solucións urxentes para garantir a estabilidade destas institucións culturais.