O BNG urxe ao Goberno a mellorar o transporte ferroviario no Eixo Atlántico evitando a supresión de trens

ACoruñaXa | OurenseXa
A senadora Carme da Silva solicita reforzar as frecuencias en horarios clave e rexeita a eliminación do tren madrugador entre Vigo e A Coruña
Carmen da Silva do BNG
9 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), representado pola senadora Carme da Silva, instou ao Goberno a priorizar a mellora do transporte ferroviario no Eixo Atlántico, pedindo un incremento das frecuencias e evitando a supresión de servizos fundamentais como o tren madrugador das 6:15 horas entre Vigo e A Coruña, cuxa desaparición está prevista para o 2 de febreiro.

Da Silva advertiu de que esta medida provocará serios inconvenientes para as persoas usuarias que dependen deste tren, en especial nas primeiras horas da mañá, cruciais para desprazamentos laborais e académicos. Ademais, reclamou a recuperación doutras frecuencias eliminadas previamente, como o servizo A Coruña-Vigo das 13:58 horas ou o A Coruña-Ourense das 19:43 horas.

"RENFE debería aproveitar a reorganización de horarios para reforzar as conexións nas franxas de maior demanda, como as primeiras horas da mañá, o mediodía e a última hora da tarde, e non para reducir opcións de mobilidade", afirmou Da Silva. Tamén subliñou que a ausencia de servizos de cercanías en Galiza fai imprescindible o reforzo das actuais liñas de Media Distancia e AVANT.

O BNG destacou que mellorar o transporte ferroviario é fundamental para atender as demandas da poboación e avanzar na descarbonización do transporte, contribuíndo á loita contra o cambio climático. "O tren é unha alternativa sustentable e eficiente, pero necesita servizos adaptados á realidade das persoas usuarias", engadiu a senadora.

 

0.15785717964172