O BNG trasladará o abandono do Centro Loxístico de Transportes de Culleredo ao Parlamento galego
Os deputados do BNG no Parlamento de Galiza Iria Taibo e Paulo Ríos visitaron esta semana o Centro Loxístico de Transportes de Culleredo, situado na parroquia de Ledoño. Acompañados por concelleiros nacionalistas da localidade comprobaron o estado de abandono no que se atopan estas instalacións, cunha absoluta falta de mantemento dos seus viais e a ausencia de alumeado ou de servizo de seguridade. Estas circunstancias foron xa denunciadas en múltiples ocasións por empresarios/as e traballadores/as do CLT. O estado actual das instalacións é produto de máis dunha década de desatención das súas responsabilidades por parte da administración municipal pero tamén da Xunta, trala declaración en concurso de acredores da empresa concesionaria en 2011 e o inicio da resolución do contrato en 2014.
O Centro Loxístico de Transportes de Culleredo é un proxecto declarado pola Xunta de Galiza como de “interese público e/ou utilidade social para a Comunidade Autónoma”1 e “proxecto sectorial de incidencia supramunicipal”, polo que tivo que contar coa requirida autorización do goberno autonómico para a súa construción. A devandita autorización recolle unha descrición das características do CLT, entre as que se incluían unha serie de instalacións e servizos que 25 anos despois continúan sen prestarse: unha estación intermodal de intercambio que conecte coa rede ferroviaria, un hotel, unha zona comercial ou unha estación da ITV.
O BNG acredita na importancia estratéxica do CLT de Culleredo para o desenvolvemento industrial da Comarca da Coruña e presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para aclarar cal foi a supervisión exercida polo goberno autonómico a respecto do desenvolvemento deste proxecto estratéxico e cales van ser as medidas para o seu impulso. Mentres observamos a proliferación na Comarca da Coruña de polígonos industriais de xestión privada e coñecemos da instalación de empresas do sector loxístico noutros parques empresariais, estas instalacións públicas, deseñadas para ser un referente no transporte de bens e mercadorías, esmorecen polo abandono e a falta de supervisión das administracións públicas.