O BNG solicita unha reforma urxente da Política Pesqueira Común

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
Ana Miranda exixe unha reformar logo de máis dunha década sen cambios significativos e ante os graves problemas de viabilidade do sector
barco-pesca-burela-xenerica
18 Sep 2026

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou a favor da Resolución sobre a Avaliación da Política Pesqueira Común (PPC). O documento é a base para unha reforma deste marco lexislativo e de funcionamento do sector, un cambio que na Comisión Europea se resisten a emprender malia os importantes problemas de rendabilidade das frotas, especialmente as de baixura e artesanais.

“A PCP supuxo unha ruína para a pesca galega, reducindo a capacidade de traballo”, sinala Ana Miranda, para quen “xa é hora de que a Unión Europea compense a Galiza como principal nación pesqueira”.

A eurodeputada galega, membro da Comisión de Pesca, critica a falla de atención aos problemas de viabilidade do pequeno sector pesqueiro. Demanda máis flexibilidade na xestión da pesca, solucións alternativas ao desembarco obrigatorio de tódalas capturas e para o control que sofre a pesca artesanal, con obrigas imposibles de cumprir.

“A UE non ten en conta á principal potencia pesqueira europea, e por iso temos que defendela cunha reforma urxente da Política Pesqueira Común, dando valor ao sector na produción de alimentos, na procura da soberanía alimentaria e pola súa importancia para Galiza e a súa repercusión social”, explica Ana Miranda.

As marxes de beneficio neto da frota de baixura ou artesanal decreceron “significativamente”, pasando do 8% no 2014 ao 1% no 2023. Son “cifras preocupantes”, advirte a representante do Bloque, “e unha tendencia totalmente contraria ao obxectivo procurado”, que era dun aumento do 18%.

Reverter o veto ás artes de arrastre e atender a renovación do sector

A Resolución, apoiada por 368 votos a favor, amosa a súa preocupación polo mal uso das análises científicas realizado pola Comisión Europea, co que impuxo a prohibición ás artes de arrastre en 87 zonas pesqueiras do Atlántico Oriental, afectando á frota galega dende Burela a Ribeira.

Ana Miranda demanda reverter ese veto porque “non tivo en conta o impacto socioeconómico, e ademais agora contamos con novas evidencias científicas presentadas no Parlamento Europeo que avalan a exclusión do palangre pedra-bóla”.

No marco do debate orzamentario da Unión Europea, o BNG critica a redución do FEMPA que quere a Comisión e pide non prexudicar máis a todo o sector. Por iso Resolución do Parlamento Europeo demanda máis axudas para renovar e modernizar as frotas, que afrontan o encarecemento dos combustibles ou cargas engadidas como a necesaria descarbonización. A idade media das embarcacións aumentou até chega até os 35 anos.

“Xa pasaron dous anos cun Comisario de Pesca do Partido Popular, da mesma formación que o Goberno galego, con promesas baleiras e sen propostas concretas para esta modernización e inminente transición”, afirma a eurodeputada do BNG.

As cifras de emprego no sector da Pesca reducíronse na última década. Hai preto de 21.500 empregos menos, en termos relativos un 15% de traballadores, mentres que os soldos agás medraron un 7%. Polo tanto, a actual PPC non está a cumprir dous dos seus piares estratéxicos: a rendabilidade económica e a cohesión social.

0.15702486038208