O BNG solicita medidas de apoio ao comercio e ao pequeno empresariado lde Betanzos
O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de apoiar un dos sectores máis importantes da economía betanceira: o pequeno comercio e empresariado. Segundo explicaron, este sector leva anos facendo fronte á competencia das grandes áreas comerciais e do comercio en liña, que alteraron os hábitos de consumo da maior parte da sociedade occidental.
En palabras da concelleira Vanessa Rey, “desde o BNG sempre defendemos que era importante poñer en marcha medidas no curto e no medio prazo que axudasen a mitigar o impacto destas mudanzas no consumo e, ao longo dos anos, presentamos diversas e repetidas iniciativas plenarias para poñer en valor este sector e para presentar propostas firmes de apoio ao tecido comercial e empresarial brigantino”.
Entre as súas propostas destaca a creación dun plan de dinamización e impulso do comercio local, que se elabore de maneira conxunta co sector, a Corporación e os axentes sociais, co obxectivo de implementar plenamente o Centro Comercial Aberto. Ademais, o BNG solicita campañas específicas de apoio ao pequeno comercio local, empezando por unha campaña que fomente o consumo nestes establecementos durante as próximas festas de Nadal.
“Cómpre apoiar o sector do pequeno comercio e empresariado, que nos ten convertido ao longo dos anos nun referente comercial e no núcleo en que se desenvolvían a maior parte das transaccións económicas e comerciais de toda a veciñanza da comarca das Mariñas”, engadiu Rey.