O BNG solicita ao Concello da Coruña unha auditoría da xestión do Consorcio para a Promoción da Música
A concelleira do BNG no Concello da Coruña Mercedes Queixas demanda que, ante a súa delicada situación económica, se faga unha auditoría da xestión do Consorcio para a Promoción da Música e se elabore un plan estratéxico que garanta a viabilidade dunha entidade da que dependen proxectos culturais claves para a cidade, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola Municipal de Música.
Queixas fixo estas propostas no curso da Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, que se reuniu onte no Pazo de María Pita.
No curso da xuntanza -Queixas celebrou que a Xunta de Goberno se reunira, “despois de máis dun ano de espera” e de o ter demandado o BNG a través dun rogo oral no Pleno de novembro de 2023-, a concelleira nacionalista expresou a desconformidade do BNG “coa decisión de o Consorcio, presidido pola alcaldesa, non presentar orzamento para o 2024 e prorrogar o de 2023, sendo que o Concello da Coruña si dispón de contas aprobadas para executar desde o 1 de xaneiro”.
Segundo apunta o BNG o balance económico do Consorcio é negativo, cun déficit de 1,2 millóns de euros, o que fai aínda máis incomprensíbel a decisión de prorrogar as contas, sobre todo tendo en conta que, froito do acordo co grupo municipal do BNG, nos orzamentos do Concello para 2024 -que entraron en vigor a principios deste ano- se acrecentou en 250.000 euros a partida destinada ao Consorcio para a Promoción da Música.
Na análise da situación económica do Consorcio, Queixas puxo o acento nos “elevados custos do aluguer do Pazo da Ópera”. “Non se entende”, razoou, “como desde o Goberno Local non se renegocian, xa que se trata dunha concesionaria municipal, nin se lle require ao concesionario o cumprimento das actuación comprometidas no contrato en relación ao mantemento do edificio, nun estado de conservación lamentábel, e en relación tamén ás condicións de seguridade, como recentemente ten sido denunciado a raíz de se produciren novos roubos de enseres persoais das e dos músicos”.
Os nacionalistas explican que outro aspecto que amosa as dificultades económicas polas que atravesa o Consorcio (e que poden condicionar a continuidade dos proxectos da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Escola Municipal da Música) é a débeda que mantén coa entidade a Xunta de Galiza. E nese sentido Queixas botou en falta “unha maior firmeza” por parte do Executivo coruñés á hora de lle demandar a Xunta o cumprimento das súas obrigas financeiras coa Orquestra. “Estamos a falar dunha débeda importantísima, de cinco millóns de euros”, remarca.
En canto á Escola Municipal de Música, anota Queixas que remata a concesión dentro de 4 meses e que a esta altura “nada se sabe de cal é o proxecto de futuro para un centro de formación musical de base, fundamental na cidade”, concluíu.