O BNG solicita á Xunta os informes que manexa para "desarraigar" os murais de Lugrís do espazo no que foron creados

ACoruñaXa
Para o BNG, o lóxico sería non desarraigar a obra do seu emprazamento orixinario e optar pola restauración e permanencia no baixo e entresollado da rúa Olmos da Coruña
Mural de Urbano Lugrís na Coruña
20 Maio 2024

A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas dirixiu á Xunta unha batería de preguntas por escrito, tamén rexistrou unha para a súa resposta oral no Pleno, en relación ao hipotético traslado dos murais de Urbano Lugrís actualmente sitos na rúa Olmos.

Ese traslado é desaconsellado por “diferentes informes” -os que fundamentaron a declaración como BIC do conxunto muralístico- e por colectivos cívicos como In nave Civitas ou a Asociación O Mural por preferiren que a obra do xenial artista coruñés non fique desligada do espazo en que foi concibida e creada.

“Por que valora a Xunta trasladar os murais cando ten informes técnicos que o desaconsellan?”, inquire Queixas, ao tempo que se interesa por saber se durante a tramitación da declaración da obra como BIC dispuxo a Xunta de documentos que lle aconsellasen o traslado dos murais.

Para o BNG, o lóxico sería non desarraigar a obra do seu emprazamento orixinario e optar pola restauración e permanencia no baixo e entresollado da rúa Olmos visando deste xeito crear un espazo dedicado a Lugrís.

“Sorprende que a Xunta tome a decisión unilateral de trasladar os murais a outro espazo diferente, isto é, desarraigalos do espazo onde o pintor os creou e onde estiveron décadas construíndo a memoria cultural colectiva da cidade da Coruña”, afirma Queixas.

Neste sentido, a deputada nacionalista interpela a Xunta para saber como vai proceder para “o propietario do edificio” restaurar o inmóbel, de modo a comezar “a intervir nos murais”.

 

0.19167709350586