O BNG solicita a sinalización e posta en valor dos xacementos de minería romana en Abegondo

ACoruñaXa
Os nacionalistas buscan protexer e promover o patrimonio mineiro romano en Abegondo como recurso cultural e turístico
Imaxe do portavoz do BNG de Abegondo, Blan García Roel
23 sep 2024

O BNG presentou unha proposta para que se sinalicen e poñan en valor os xacementos de minería romana no concello de Abegondo, destacando a súa relevancia histórica e o seu potencial económico e turístico. Segundo o voceiro do BNG, Blan García Roel, "Abegondo está situado nunha das zonas de extracción aurífera Galaico-romana máis importantes do noroeste da Gallaecia, segundo diversos estudos".

Entre os xacementos máis destacados, García Roel mencionou o Monte Lourido, na parroquia de Sarandós, que foi unha explotación mineira de 12 hectáreas a ceo aberto, así como as Minas de Titín e as Covas de Vea. Ademais, sinalou que a maior explotación mineira do norte Galaico, cartografada ata o momento, está situada na zona limítrofe entre Abegondo e Carral.

O BNG insta á Xunta de Galicia e ao Concello de Abegondo a colaborar para estudar, catalogar e sinalizar estas antigas explotacións mineiras, co fin de protexelas do espolio e de posibles actuacións urbanísticas fóra da lexislación. "A conservación e difusión deste patrimonio non só ten un valor cultural e didáctico, senón que tamén pode ser un recurso económico e turístico importante para a nosa comarca", subliñou García Roel.

0.18230509757996