O BNG sinala que Lage Tuñas non foi quen de desmentir as súas "irregularidades" no Pleno

ACoruñaXa
Avia Veira remarca que o argumento esgrimido por Lage no Pleno sobre a existencia de 20 licenzas que se tramitaron ao mesmo ritmo que a súa non é válido porque son permisos de obras subvencionábeis que deben ser materializados cunha maior axilidade
Jorqueras e Avia Veira durante a rolda de presa do BNG da Coruña
12 Abr 2024

O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, afirmou este venres pola mañá, nunha rolda de prensa, que o concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, non foi quen de desmentir “as serias irregularidades” cometidas arredor de obras realizadas nun inmoble da súa propiedade.

“Hai serias irregularidades que non foron desmentidas. Son cando menos constitutivas de infraccións, algunhas graves. As explicacións dadas no Pleno en absoluto foron suficientes”, engadiu. A xuízo do voceiro nacionalista, Lage tentou ocultar as infraccións con “datos equívocos que non contradicían os datos achegados polo BNG”.

En conclusión, Jorquera, quen compareceu perante os medios na nosa oficina en María Pita canda a concelleira Avia Veira, reafírmase en que “estamos ante feitos que requiren da asunción de responsabilidades políticas. Ratificámonos en que a alcaldesa debe pensar en depurar esas responsabilidades”.

Inquirido polos medios a respecto de como se debe materializar esa asunción de responsabilidades, Jorquera respondeu: “A alcaldesa ten que pensar se é lóxico que continúe como titular de Urbanismo unha persoa que cometeu irregularidades”.

Denuncian un trato de favor

Na súa comparecencia no Pleno deste xoves 11A, Lage tentou escudarse detrás de “medias verdades e medias mentiras”, considerou Avia Veira.

O tamén portavoz do Goberno Local negou que recibise trato de favor co argumento de que durante o tempo en que se tramitou a súa licenza se deron outras 20, algunha delas mesmo resoltas con maior axilidade.

Pero o que non dixo Lage é que esas outras 20 licenzas non son equiparábeis ás que el obtivo: por seren relativas a obras subvencionábeis, obras que, pola súa propia natureza, e de acordo a unha instrución da propia Concellaría de Urbanismo, teñen que ser tramitadas cun menor prazo de tempo para evitar que calquera demora administrativa poida facer perder a obtención da subvención.

“Non son obras da mesma natureza como o concelleiro afirmou no Pleno. Non é certo. Ninguén, salvo el, obtén unha licenza de cambio de uso durante o tempo que transcorre entre o momento en que el a solicita e a consegue. Ninguén, só el”, subliñou.

Rapidez supersónica

“O común dos mortais tarda 10 meses en conseguir un cambio de uso e, en cambio, esta licenza obtense cunha rapidez supersónica. Non lle acontece isto a ningunha outra persoa”, completou, ao tempo que convidou o Goberno Local a que indique “en que outro caso se dá obtido no mesmo día o informe xurídico, o técnico e o decreto polo que concede a licenza”.

A outra liña de defensa de Lage foi dicir que non fixera obras sen licenza e que, se se fixo algunha, sería unha obra menor (que non requiren de permiso, só é preciso comunicalas ao Concello con carácter previo). Mais iso non é certo, acrecentou Veira. “Non tiña permiso para facer ningún tipo de obras, nin menores nin maiores, desde o momento en que desiste da comunicación previa”, alega.

A comunicación previa é trámite obrigatorio cando se realizan obras menores. É o que Lage solicita en primeira instancia (21 de outubro de 2022), mais, ao ter sido advertido de que as obras son maiores e requiren dunha licenza, desiste desa comunicación previa. “Por tanto, sen vixencia da comunicación previa non tiña permiso ningún para facer ningún tipo de obras”, conclúe Veira.

“A licenza obtena finalmente o 6 de marzo e as denuncias de que se están a executar obras son anteriores”, argüíu. Informes da Policía Local –“e lembremos que a policía ten presunción de veracidade”- e do inspector de Urbanismo, “que xira unha visita o 4 de marzo [a licenza ve a luz verde o 6 de marzo] e observa que se realizaron obras de segregación e que ficou rematada a distribución dos pisos”

“Está demostrado que se realizaron obras e, ademais, o concelleiro pasou por alto outra evidencia: o incumprimento das ordes de paralización de obras que se lle cursaron”, enfatizou Veira.

Gobernabilidade da cidade

Jorquera anticipouse aos medios –“estou convencido de que me ides preguntar sobre esa cuestión”, dixo en ton xocoso- e quixo valorar o impacto que este asunto pode ter na gobernabilidade da cidade.

A ese respecto, remarcou que o acordo de investidura foi un pacto puntual para investir Inés Rey como alcaldesa, mais non é “un acordo de mandato” e que, consecuentemente, o BNG é unha forza que está na oposición e que, alén de máis, aspira a ser a alternativa ao actual Goberno Local.

“Iso si”, precisou, “o grao de cumprimento do acordo terá impacto no ton e na intensidade da oposición que exercerá o BNG”.

Nese contexto, “o caso que motiva esta comparecencia non axuda precisamente ao entendemento” entre o Bloque e o Goberno Local, concluíu.

 

 

0.16561484336853