O BNG sinala graves irregularidades na residencia de maiores de Arteixo de xestión privada

ACoruñaXa
A formación nacionalista denuncia graves problemas na única residencia pública do municipio, xestionada por unha UTE privada, e solicita inspeccións urxentes para garantir condicións dignas
maiores-recurso
21 Out 2024

O BNG anunciou que levará ao Pleno do Concello de Arteixo e ao Parlamento Galego a situación da residencia de maiores do municipio, unha infraestrutura pública de xestión privada que, segundo a formación, presenta serias deficiencias. O centro, que forma parte da rede de atención do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, está xestionado por unha UTE formada por COGAMI, SIAD 24 Galicia, S.L. e Combina Social, S.L., e conta coa colaboración do Concello de Arteixo.

A residencia, que dispón de 64 prazas e un centro de día con 42 usuarios, conta cun persoal de 52 traballadores e traballadoras. Non obstante, a situación precaria na que se atopa pon de manifesto diversas problemáticas. Por unha banda, o centro acolle tanto persoas maiores dependentes como persoas con problemas de saúde mental, cuxas necesidades son moi diferentes, o que xera dificultades tanto para o persoal como para os demais residentes.

O BNG denuncia que a falta de medios estruturais, materiais e humanos para atender estas necesidades específicas incrementa a carga de traballo e reduce a calidade da atención. A formación esixe que se mellore a formación do persoal e se aumenten os recursos para evitar a mestura entre usuarios con diferentes necesidades asistenciais.

Ademais, sinalan que a residencia está a sufrir problemas de acoso laboral e unha alta rotación de persoal, acompañada de numerosas denuncias xudiciais. O portavoz municipal do BNG en Arteixo, Xurxo Couto, e a deputada no Parlamento Galego, Iria Taibo, pedirán explicacións sobre os controis que a administración leva a cabo nesta residencia. A formación subliña que, a pesar de ser de xestión privada, o carácter público do centro fai á administración responsable de garantir condicións laborais e de vida dignas para os residentes.

O BNG tamén solicitará as actas das inspeccións realizadas pola Xunta de Galicia e esixirá, se non houbo ningunha previa, que se realice unha de maneira inmediata para revisar as condicións do centro. A formación nacionalista mantén a súa posición contraria á privatización da xestión da dependencia e reclama que se establezan mecanismos de control rigorosos.

0.076539039611816