O BNG rompe os acordos co Goberno local da Coruña e acusa o executivo de Inés Rey de incumprilos de forma sistemática

GaliciaXa | ACoruñaXa
Avia Veira asegura que a formación manterá o apoio ás iniciativas que considere beneficiosas para a cidade, pero dá por finalizados tanto o pacto de investidura como o acordo orzamentario de 2026
bng-a-coruña
21 Jul 2026

O BNG anunciou este martes que dá por rotos os acordos alcanzados co Goberno local da Coruña, tanto o pacto de investidura como o relativo aos orzamentos de 2026, ao considerar que o executivo encabezado por Inés Rey incumpriu de maneira reiterada os compromisos adquiridos.

A portavoz nacionalista e candidata á Alcaldía, Avia Veira, explicou que a decisión chega tras analizar a situación nas últimas semanas. “Xa non aturamos máis incumprimentos por parte dun Goberno Local esgotado e cunha situación interna, de falta de cohesión, insostíbel. E quen paga os pratos rotos son as coruñesas e coruñeses”, afirmou.

Veira sostivo que a alcaldesa actúa “como se tivese maioría absoluta” malia non contar con ela e reprochoulle falta de “talante” e “humildade”. Preguntada pola posibilidade de reconducir a relación entre ambas formacións, respondeu que non aprecia motivos para pensar que o executivo municipal vaia cumprir agora uns compromisos que, ao seu xuízo, non materializou durante o mandato.

Na súa comparecencia, a portavoz do Bloque asegurou que “A alcaldesa está cos ollos e ouvidos tapados. Non escoitan a cidade. Non coñecen a cidade que pisan. Actúan sen a máis mínima planificación. Ao ter centralizado todo o poder nunha soa perdoa, sumiron A Coruña nunha parálise progresiva”.

A pesar da ruptura dos acordos, Veira indicou que o BNG seguirá presentando iniciativas e apoiará aquelas propostas que considere positivas para a cidade. “No Pleno anterior aprobamos dúas cuestións relativas ao fomento da vivenda pública. Sempre que se traia algo positivo ao Pleno, terá o noso apoio. Mais, dado os incumprimentos sistemáticos por parte do Goberno Local, desde logo desde agora sentímonos absolutamente liberadas de ningunha atadura”, sinalou.

A portavoz lembrou que o Bloque subscribiu acordos de investidura en 2019 e 2023 e pactos orzamentarios en 2024 e 2026, defendendo que a súa intención sempre foi priorizar “o ben común” e “o interese xeral”. Con todo, afirmou que “os acordos asínanse para seren materializados, non para seren incumpridos” e asegurou que o executivo municipal “os incumpriu sistematicamente”.

Durante a súa intervención realizou unha revisión da situación en distintas áreas municipais para xustificar a decisión adoptada.

No ámbito do persoal do Concello, criticou que non se impulsase unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e denunciou cambios na actual organización, así como a situación de persoal de Urbanismo e doutros funcionarios.

En materia económica, asegurou que o comercio local está “abandonado”, advertiu das deficiencias dos mercados municipais e lamentou que os ingresos da taxa turística non se estean destinando, segundo o BNG, a impulsar un modelo de turismo sostible.

Respecto da mobilidade, afirmou que non prosperaron propostas como melloras no transporte público, a implantación do carril bus, o incremento de frecuencias, a reorganización de liñas, a mellora do carril bici ou o rescate de aparcadoiros públicos. Tamén criticou que non se licitase o novo contrato do transporte urbano nin se aprobase un novo plan de mobilidade.

En política social, Veira lamentou que non se desenvolvesen iniciativas como un Plan de Inclusión Social, un Plan de Accesibilidade Universal ou melloras na rede de escolas infantís municipais.

Na área deportiva, cuestionou a xestión das instalacións municipais, asegurando que empeoraron as condicións laborais do persoal das conserxarías e criticando a situación das piscinas municipais. Tamén reprochou que non avanzase a proposta dunha pista de atletismo e que o anunciado Plan de Instalacións Deportivas non pasase, segundo dixo, dun anuncio.

En cultura, sinalou a falta de avances na Fundación Luís Seoane, a ausencia de novidades sobre o Padroado, a situación do Programa de Lecer, a inexistencia de bolsas para creación artística, a falta dunha campaña de fomento da lectura, a paralización dos museos científicos e a ausencia dun novo proxecto para as bibliotecas municipais. Tamén afirmou que o Ágora e o Teatro Colón continúan sen dirección.

No relativo á Memoria Democrática, asegurou que os compromisos asumidos polo Goberno local neste ámbito non se materializaron.

Sobre vivenda, criticou que existan desafiuzamentos mentres, segundo indicou, o Concello non puxo en alugueiro 40 vivendas municipais por non seren rehabilitadas.

En educación, denunciou deficiencias no mantemento dos colexios públicos e puxo como exemplo problemas de accesibilidade no CEIP Rosalía de Castro e actuacións pendentes no CEIP Emilia Pardo Bazán.

En participación cidadá, asegurou que permanecen sen convocar diversos órganos municipais, entre eles os consellos de Cultura, Lingua, Deportes, Inclusión Social, Saúde e o Consello Económico e Social, ademais da Comisión Municipal de Suxestións e Reclamacións.

Finalmente, en materia de medio ambiente, centrou as súas críticas na planta de tratamento de residuos de Nostián. Veira lembrou que a primeira licitación quedou deserta e afirmou que o novo contrato supón, ao seu xuízo, un retroceso no modelo de reciclaxe ao incrementar a presenza de envases en lugar de favorecer a súa redución.

0.14467597007751