O BNG reivindica en Betanzos un concerto económico para garantir a soberanía fiscal de Galiza
O BNG defendeu onte en Betanzos a necesidade de que Galiza poida recadar e xestionar os seus propios impostos a través dun concerto económico semellante ao que xa ten Euskadi e que Cataluña está a piques de acadar. Nun acto público no marco da campaña Concerto económico: Galiza coa chave dos seus cartos, o economista e membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela, subliñou que o modelo actual é "inxusto" e fai que os galegos perdan miles de millóns de euros cada ano.
Acompañado pola portavoz municipal do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, Cela insistiu en que o concerto económico permitiría que Galiza recadara o 100% dos impostos e transferira ao Estado só o custo dos servizos comúns, revertendo así a situación actual, onde, segundo o economista Xosé Díaz, o Estado recadou en 2022 máis de 5.000 millóns de euros adicionais aos devoltos á cidadanía galega.
Ademais, lembrou o informe do Consello de Contas que cuantifica en preto de 20.000 millóns de euros o déficit de financiamento acumulado en Galiza entre 2009 e 2021, equivalente a unha perda anual de 1.500 millóns de euros. Para Cela, o modelo defendido polo PP, ao que cualificou de "submiso á estratexia de Feijóo en Madrid", perpetúa esta situación, mentres que o BNG aposta por un acordo bilateral co Estado que poña fin a este espolio.
"Hai que darlle a chave dos cartos aos galegos e ás galegas", concluíron Cela e Sánchez, alertando de que, sen un modelo propio, Galiza quedará como a única nación histórica sen capacidade fiscal plena, en clara desvantaxe respecto a Euskadi e Cataluña.