O BNG reitera a solicitude de apertura do apeadoiro de Boedo tras a confusión do Goberno con Bregua
O BNG lamenta a confusión do Goberno español na resposta á pregunta presentada o pasado outubro polo deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego. Naquela ocasión, o Executivo estatal referiuse erroneamente á antiga estación de Bregua, en desuso desde hai décadas, en lugar do apeadoiro de Boedo, cuxa infraestrutura está xa construída ao carón da nova vía de altas prestacións. Para aclarar este erro, o BNG vén de trasladar unha nova pregunta ao Goberno nos últimos días.
A iniciativa do BNG, aprobada polo pleno de Culleredo con só a abstención do Partido Popular, pretende dotar Boedo dun apeadoiro ferroviario operativo, similar aos servizos que existen en Uxes e Meirama, con sete trens diarios en cada sentido. Este proxecto non só beneficiaría aos veciños de Boedo senón tamén a toda a poboación de Culleredo e arredores, especialmente tendo en conta as actuais dificultades para acceder á estación de San Cristovo na Coruña. Ademais, acurtaría os tempos de desprazamento en traxectos cara Santiago de Compostela, Ourense ou Vigo, evitando o paso pola cidade da Coruña.
O BNG destaca que a posta en marcha deste apeadoiro encaixa co proxecto de implantación dun servizo de proximidade ferroviaria na comarca da Coruña, que está sendo estudado. Rego propón que o apeadoiro de Boedo sexa incluído neste estudo como un punto estratéxico de acceso para os veciños de Culleredo e os municipios limítrofes.
Ademais, a infraestrutura do apeadoiro está xa construída. Segundo explican desde o BNG, só sería necesario poñelo en funcionamento, dotándoo dun punto de venda automática de billetes e dunha marquesiña para os usuarios. Para a formación nacionalista, este pequeno investimento permitiría aproveitar unha infraestrutura xa existente e ofrecer un servizo de gran valor para a mobilidade da comarca.
Con esta iniciativa, o BNG reitera o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e servizos no ámbito local, insistindo na importancia de atender as demandas da cidadanía para impulsar a conectividade e o desenvolvemento da comarca da Coruña.