O BNG reclama un paso de peóns seguro na Estación de tren de Teixeiro (Curtis)

ACoruñaXa
O deputado nacionalista no Congeso, Néstor Rego, levará á cámara iniciativas para lograr que ADIF constrúa un paso elevado após fechar con valados metálicos o paso a nivel existente
Imaxe da visita de Néstor Rego a Teixeiro
6 Ago 2024

O deputado do BNG, Néstor Rego, xunto con Iria Carreira, deputada do Parlamento galego, visitou Teixeiro para apoiar o Grupo Municipal do BNG e a veciñanza na reclamación dun paso seguro que substitúa o paso a nivel que ADIF fechou no mes de xuño. Rego considera que o administrador ferroviario debe dar unha alternativa que evite a incomunicación entre os dous lados da vía. Pola súa parte, o Portavoz Municipal, Lucas Quintas, defende que a mellor solución é que sexa construído un paso elevado.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) procedeu a pechar o paso de peóns a nivel na contorna da Estación de tren de Teixeiro, sen ofrecer alternativas aos veciños e veciñas que teñen que atravesar entre un lado e outro da vía, provocando illamento e a división da vila . Trátase, ademais, dunha decisión adoptada sen consultar previamente co Concello e a veciñanza afectada.

Xa no mes de xuño, por iniciativa do Grupo Municipal do BNG do Concello de Curtis, o deputado Néstor Rego levou ao Congreso unha iniciativa preguntando ao Ministerio de Transportes as razóns de fechar o paso existente sen habilitar previamente unha alternativa e reclamando unha solución rápida para a veciñanza afectada. Ante a falta aínda de solucións, o BNG avanza novas iniciativas para forzar o Goberno español a actuar.

Rego, que visitou a Estación de tren de Teixeiro acompañado polo Portavoz Municipal, Lucas Quintas, e as concelleiras Amalia Seoane e Verónica Fuentes, anunciou que o BNG levará ao Congreso unha Proposición Non de Lei “para lle reclamar ao Ministerio de Transportes que constrúa o antes posíbel un paso peonil elevado que garanta a comunicación segura entre os dous lados da vía”.

Pola súa parte, Lucas Quintas asegurou que o paso elevado é a alternativa adecuada pois após o fechamento do paso a nivel, os peóns teñen como única alternativa de tránsito o uso do paso subterráneo de vehículos, unha vía moi insegura pois é estreita, cunha curva pronunciada sen visibilidade e unha beirarrúa estreita. “A solución pasa por habilitar un paso elevado seguro para peóns e persoas usuarias da Estación, mais reclamamos que o que se faga sexa acordado co Concello e os veciños e veciñas, non adoptado unilateralmente”, sinala o Portavoz Municipal do BNG.

 

0.19721579551697