O BNG reclama novos colexios para Visma e Monte Mero ante a chegada de miles de residentes

ACoruñaXa
Mercedes Queixas pide á Xunta que planifique a oferta educativa nos novos barrios da Coruña e advirte de que non se debe repetir o atraso de Novo Mesoiro, onde o colexio abriu en 2020-2021, catorce anos despois da chegada dos primeiros residentes
A CORUÑA visma
Proxecto de vivendas en Visma
6 Nov 2026

O BNG reclama á Xunta que comece a planificar xa as necesidades educativas dos novos desenvolvementos urbanísticos de San Pedro de Visma, Xuxán e Monte Mero, na Coruña. A deputada nacionalista Mercedes Queixas trasladou esta petición á Consellería de Educación nunha pregunta ao secretario xeral técnico do departamento, na que advertiu do incremento de poboación que se prevé nestas zonas e da necesidade de anticiparse á demanda de prazas escolares.

As previsións que manexa a formación apuntan a un importante crecemento residencial. En Xuxán están proxectadas unhas 2.300 vivendas, nas que poderían residir arredor de 5.290 persoas, entre elas uns 600 nenos. No contiguo barrio de Monte Mero prevese a construción de 4.397 vivendas e a chegada duns 8.500 novos residentes, dos que aproximadamente 1.500 estarían en idade escolar.

En San Pedro de Visma, onde os novos desenvolvementos están comezando a construírse, están previstas unhas 3.600 vivendas que poderían acoller uns 8.500 habitantes máis. Segundo os datos expostos por Queixas, arredor de 950 serían nenos e adolescentes.

Falta de centros próximos e saturación da oferta actual

A deputada considera necesario estudar canto antes a dotación educativa que precisarán estes barrios e decidir se será preciso ampliar os centros existentes ou construír novas instalacións. A situación é especialmente urxente, segundo o BNG, en Xuxán e Monte Mero, onde non hai ningún colexio público próximo.

No caso de Visma, existen centros de Primaria como o CEIP San Pedro de Visma e o CEIP Raquel Camacho, así como os institutos Agra do Orzán e Rafael Dieste. Porén, Queixas advertiu de que estes centros xa teñen un volume de matrícula elevado, con ratios que en moitas ocasións están ao límite ou mesmo por riba da súa capacidade.

A formación nacionalista tamén puxo o foco na proximidade da área de influencia do Agra do Orzán, un dos barrios máis densamente poboados da cidade, que concentra arredor do 12 % da poboación coruñesa.

Queixas criticou que, polo momento, non se coñezan as previsións da Consellería para atender as necesidades educativas destas novas zonas e asegurou que tampouco aparecen partidas específicas nos orzamentos autonómicos de 2027, segundo denunciou.

O precedente de Novo Mesoiro

O BNG teme que se repita o sucedido en Novo Mesoiro, o último gran barrio de nova construción da cidade, onde se levantaron arredor de 3.000 vivendas. Queixas lembrou que a ocupación dos fogares avanzou máis rápido que a dotación dos equipamentos públicos necesarios para atender a veciñanza.

As primeiras vivendas comezaron a habitarse en 2006, pero o CEIP de Novo Mesoiro non entrou en funcionamento ata o curso 2020-2021. Para a deputada, este atraso debe servir de lección á Xunta para que non volva chegar tarde á hora de planificar os servizos públicos.

A representante nacionalista reclamou á Consellería que actúe con antelación para garantir o acceso á educación pública e evitar que o crecemento urbanístico vaia por diante dos equipamentos necesarios.

0.15168499946594