O BNG reclama medidas urxentes para garantir o abastecemento de auga na zona de Cesuras

O BNG de Oza Cesuras instou ao goberno municipal a actuar con urxencia para garantir o acceso á auga potable da veciñanza afectada pola avaría na rede de abastecemento que, segundo a formación nacionalista, mantén sen subministración a varios núcleos da zona de Cesuras desde o pasado venres.
A portavoz municipal do BNG, Estefanía Busto, asegurou que a situación prolongouse durante máis de 72 horas e criticou que a información facilitada ata o momento se limitase a unha publicación da empresa concesionaria compartida polo Concello nas súas redes sociais.
Ante esta situación, o grupo nacionalista solicita que o Concello habilite de forma inmediata medidas provisionais para garantir o acceso á auga potable, entre elas a instalación de puntos de subministración mediante camións cisterna nos lugares afectados mentres non se restableza o servizo.
O BNG tamén reclama que o goberno local manteña unha comunicación constante coa veciñanza, informando da evolución da incidencia, dos traballos de reparación que se están a desenvolver e dos prazos previstos para recuperar a normalidade no abastecemento.
Segundo a formación, aínda que resolver unha avaría destas características pode resultar complexo, considera imprescindible que a cidadanía dispoña de información clara e actualizada sobre a situación.
Unha vez solucionado o problema, o BNG pide ademais que se analicen as causas da incidencia e se avalíe a necesidade de acometer melloras na rede municipal de abastecemento para evitar que se repitan episodios semellantes no futuro.