O BNG reclama ao Goberno Local medidas urxentes para a normalización do galego

ACoruñaXa
Mercedes Queixas insta a aprobar o Plan de Normalización Lingüística e a crear o Consello Local da Lingua antes de 2025
Mercedes Queixas do BNG
8 Dec 2024

A concelleira do BNG Mercedes Queixas levará ao Pleno do vindeiro mércores, 11 de decembro, unha moción que insta o Goberno Local a avanzar na normalización do uso do galego na cidade. Entre as propostas destacadas, reclama a elaboración inmediata do Plan de Normalización Lingüística previsto na Ordenanza sobre o idioma aprobada polo Concello o 3 de xuño de 2021, así como a creación do Consello Local da Lingua no primeiro semestre de 2025.

Queixas denuncia o incumprimento de aspectos clave da Ordenanza da Lingua, que tiña como obxectivo impulsar o uso do galego na Coruña, nun contexto de retroceso preocupante para a lingua. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, o galego vive un proceso de substitución lingüística na cidade. “O retroceso da poboación galegofalante é moi significativo. A Coruña é a área urbana con maior perda no uso do idioma, cunha porcentaxe de galegofalantes que só alcanza o 25%”, explicou. Ademais, o 60% da poboación asegura que só fala castelán, 11 puntos máis que hai cinco anos.

A concelleira considera que a Ordenanza sobre o idioma é unha ferramenta esencial para reverter esta situación e frear a substitución lingüística. Ademais, a iniciativa inclúe unha crítica directa á Xunta de Galicia, á que o BNG acusa de non implementar políticas eficaces para preservar e fomentar o galego. Entre outras medidas, demanda a aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004, a derrogación do decreto 79/2010 de plurilingüismo, e o reforzo do papel normalizador da TVG, con especial atención á programación infantil.

“O galego é un patrimonio común que debemos protexer. É imprescindible que as institucións locais e autonómicas actúen con decisión para garantir a súa presenza na vida cotiá e frear o seu retroceso”, subliñou Queixas.

0.13612079620361