O BNG reclama á Xunta que restaure o horario completo no centro de saúde de Irixoa
O BNG esixe que a Xunta de Galicia recupere o servizo sanitario a xornada completa no centro de saúde de Irixoa. “Nas últimas semanas, as persoas que acoden ao centro de saúde están sufrindo unha atención insuficiente: as consultas médicas ofrécense en días e horarios reducidos, cunha duración máxima de tres horas pola mañá,” indicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
Queixas lamentou o impacto desta situación sobre a veciñanza de Irixoa, afectada por un "desmantelamento progresivo" da sanidade pública que atribúe á xestión do Partido Popular. Ademais, lembrou que o centro de saúde xa estaba limitado a un só profesional de medicina familiar.
O concelleiro do BNG en Irixoa, Sergio Boado, explicou que este déficit de atención está a obrigar a moitos veciños e veciñas a desprazarse a Betanzos, o que representa unha dificultade engadida para aqueles que non dispoñen de transporte propio.
“A desatención sanitaria vai en aumento e está a xerar preocupación na veciñanza que teme pola perda continuada de servizos sanitarios de proximidade aos que ten dereito,” concluíu Queixas.