O BNG propoñerá dedicar un edificio público de Miño á mestra represaliada María Vázquez Suárez
O BNG levará ao pleno unha proposta para nomear un edificio público de Miño en honor á mestra María Vázquez Suárez. Esta iniciativa busca recoñecer e render homenaxe á docente, que foi represaliada polo franquismo. Na moción, o BNG suxire modificar o nome do CPI de Miño ou do Local Social da Rúa en memoria de María Vázquez.
“María Vázquez Suárez foi unha militante feminista e unha fervorosa defensora dos dereitos das mulleres e da súa participación na vida política durante a República. Debido a estas conviccións, foi asasinada en 1936,” explicou Alberte G. Nicolás, portavoz do BNG. “Este acto sería un paso importante para recoñecer e dignificar as máis de 90 persoas represaliadas polo franquismo no noso concello, que loitaron pola liberdade e a democracia,” engadiu.
Nicolás subliñou a importancia de restaurar a memoria histórica como un acto de xustiza. “Este recoñecemento permitiría restaurar o pasado democrático do concello e reivindicar o dereito á verdade, á xustiza e á reparación das vítimas da represión fascista,” declarou.
Ademais, o pleno ordinario de setembro incluirá o debate sobre a transferencia da AP9, unha medida que o goberno do Estado aínda non cumpriu. Para o BNG, a situación actual da AP9 representa “unha estafa legalizada” que afecta especialmente a Miño, que carece dunha alternativa realista debido á falta de investimento na liña de tren.
Finalmente, o BNG tamén presentará unha moción en contra da nova taxa de SOGAMA, que elevará o custo do lixo para a veciñanza de Miño. Nicolás criticou o modelo actual, que considera “antiecolóxico e caro,” e propón en cambio un sistema respectuoso co medio ambiente que fomente a reciclaxe e beneficie economicamente ás galegas e galegos.