O BNG promete que co seu Goberno "o talento formado nas universidades galegas non terá que emigrar"

ACoruñaXa
A candidata número 2 pola provincia da Coruña, Mercedes Queixas, visitou este luns o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, no campus de Elviña
Mercedes Queixas nun dos laboratorios do CICA
Mercedes Queixas nun dos laboratorios do CICA
12 Feb 2024

A número dous da candidatura do BNG ao Parlamento galego pola circunscrición coruñesa, Mercedes Queixas, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, no campus de Elviña.

Mercedes Queixas, quen estivo acompañada nesta visita pola tamén candidata Beatriz Pérez, Bea a da Estrella, e polo portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, afirmaba: "Ficamos impresionadas pola excelencia das e dos profesionais deste centro, mostra do enorme talento que ten este País. Transmitímoslles que o futuro Goberno galego que vai liderar Ana Pontón apostará claramente pola ciencia e a tecnoloxía como ferramentas indispensábeis para crear riqueza, crear valor, para pór o País a producir".

"A Xunta ten que empregarse a fondo no impulso da ciencia e a investigación, na reindustrialización do País. Infelizmente durante estes 15 anos de goberno da dereita, a Xunta nin liderou nin impulsou políticas que permitan que o talento que se forma nas universidades do País fique na Galiza", engade Queixas, quen visitou o CICA da man da súa subdirectora, Isabel González Siso.

A Xunta que vai presidir Ana Pontón a partir do 18F terá como obxectivo crear tecido produtivo para que as científicas e científicos podan desenvolver en Galicia as súas carreiras profesionais e para que “vaian retornando a Galiza os 200 mil mozas e mozos que tiveron que emigrar durante estes longos 15 anos do goberno do PP na Xunta”.

0.072892189025879