O BNG promete conter a suba de prezos da vivenda na Coruña

ACoruñaXa
A número 2 do BNG pola provincia afianza o compromiso do seu partido coa cidade. "Como presidenta declarará a nosa cidade como zona residencial tensionada. Non poremos paos nas rodas, como si fixo a Xunta de Rueda", afirmou a candidata
mercedes queixas
14 Feb 2024

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento por A Coruña, Mercedes Queixas, e a concelleira Avia Veira mantiveron esta tarde un encontro, nun hotel coruñés, con persoas afectadas pola carestía da vivenda, en aluguer e en compra, na nosa cidade.

“O compromiso de Ana Pontón coa Coruña é claro. Como presidenta declarará a nosa cidade como zona residencial tensionada. Non poremos paos nas rodas, como si fixo a Xunta de Rueda. Basta xa de atrancos. Daremos curso canto antes á petición formulada polo Concello da Coruña. É unha medida fundamental para conter a suba dos prezos”, apuntou Queixas.

A nacionalista remarcou que as dificultades de acceso a unha vivenda en condicións dignas non só afectan a mocidade, aínda que este sexa o sector máis atinxido. “Persoas que perden o seu traballo. Persoas en idade avanzada e que vivan soas. Hai múltiples situacións de persoas en todas as fases da vida que se ven obrigadas a dedicar unha parte desmesurada da súa renda a pagar a vivenda, sexa un aluguer ou sexa unha hipoteca”, considerou.

Alén de declarar A Coruña como zona tensionada, co goberno que vai presidir Ana Pontón volverán á Xunta as políticas de promoción de vivenda pública. “Na cidade hai por volta de 2.400 persoas como demandantes de vivenda protexida. E que fixo a Xunta durante estes 15 anos para satisfacer esa demanda? Pois construír apenas 40 vivendas. Unha cifra que non chega a nada”, denunciou.

A Xunta presidida por Ana Pontón construirá vivendas, mais tamén mobilizará aquelas que están fóra do mercado. “Hai moitísima vivenda baleira que se pode pór en aluguer. É vital aumentar a oferta para baixar os prezos”, dixo. “De aí que propoñamos crear un banco público de vivendas baleiras”, engadiu.
A idea é que a Xunta liderada por Ana Pontón mercará inmóbeis para os pór no mercado en aluguer, ben como tamén impulsará a regulación dos pisos turísticos. “O que non é posíbel é manter a situación actual. Co PP a vivenda non é un dereito, senón un negocio para unha minoría”, concluíu.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17847084999084