O BNG presenta alegacións ao Orzamento de 2026 de Coirós

O BNG de Coirós vén de rexistrar alegacións ao proxecto de orzamentos municipais para 2026 aprobado inicialmente polo PP o pasado 19 de novembro. A formación nacionalista defende que as súas propostas buscan reforzar a transparencia, optimizar o uso dos fondos públicos e avanzar na mellora dos servizos que reciben as veciñas e veciños do municipio.
A portavoz municipal do BNG, Pura Ferreño, explicou que “desde o BNG vimos de presentar alegacións coas nosas propostas para mellorar o orzamento do PP e así contribuír a unha xestión máis eficiente e transparente dos fondos públicos para beneficio das veciñas e veciños de Coirós”.
Entre as liñas principais das alegacións, os nacionalistas reclama un maior control no reparto das subvencións municipais. Ferreño lembrou que “é necesario dotarse dun plan estratéxico de subvencións onde se marquen obxectivos a conseguir e criterios de valoración para que o reparto de cartos públicos sexa máis xusto e transparente”.
Outra das propostas céntrase na revisión das axudas por nacemento, co obxectivo de introducir criterios sociais e rematar co “café para todos”. A portavoz sinalou que “demandamos unha nova redacción das axudas por nacemento para que se teñan en conta criterios sociais, acabar có café para todos e que reciba máis quen máis o necesita”, así como incorporar os distintos modelos familiares, incluíndo familias monoparentais e parellas do mesmo xénero.
O BNG solicita tamén que parte da partida destinada ás axudas de emerxencia para a loita contra a violencia de xénero que, segundo denuncian, adoita quedar sen executar, se destine a campañas de sensibilización e prevención contra as violencias machistas.
No ámbito dos servizos públicos, Ferreño insistiu na necesidade de planificar un servizo de transporte municipal que conecte as parroquias co centro de Coirós, así como articular un sistema de recollida e tratamento de restos de poda e estudar alternativas de saneamento descentralizado que permitan ofrecer cobertura a todo o territorio.
O BNG critica tamén que “os investimentos son mínimos nos orzamentos de Coirós, de feito a redacción do anexo xa comeza con ‘limítanse ás seguintes’, toda unha declaración!”, sinalou a portavoz.
Ferreño lembrou que moitas das súas propostas xa foron aprobadas en sesión plenaria, mais o goberno local nunca chegou a executalas. Entre elas, medidas para garantir a accesibilidade en espazos municipais a persoas con diversidade auditiva, visual, neurolóxica ou de mobilidade; melloras acústicas no pavillón da Cortella; a posta en marcha dunha rede de camiños saudables; e un plan de limpeza, sinalización e valorización do patrimonio ligado á auga, como fontes, muíños e lavadoiros.
Co conxunto das alegacións, o BNG afirma buscar un orzamento “máis xusto, útil e axeitado ás necesidades reais da veciñanza”, á espera de que o goberno local teña en conta as súas propostas antes da aprobación definitiva das contas municipais.