O BNG presenta a lista de prioridades parlamentarias para a cidade e a comarca da Coruña

ACoruñaXa
O impulso á Área Metropolitana, a aprobación dun plan viario comarcal e a culminación de infraestruturas básicas como a Vía Ártabra, recuperando o seu deseño orixinal, entre as tarefas que se propón o novo grupo parlamentario ao que se incorpora Iria Taibo
Imaxe da rolda de prensa celebrada este martes 2 de abril na Coruña do BNG
2 Abr 2024

O BNG presentou esta mañá de martes nunha conferencia de prensa as tarefas prioritarias do novo grupo parlamentario do BNG en relación á cidade da Coruña e á comarca. No acto estiveron presentes Mercedes Queixas e Iria Taibo, deputadas do partido no Parlamento galego e Daniel Carballada, responsable comarcal do BNG.

Deste xeito, entre as prioridades do novo grupo parlamentar do BNG en relación á Coruña figura de forma moi destacada a declaración da cidade como zona residencial tensionada en materia de vivenda.

“A ver se é capaz Rueda de lle dicir ás coruñesas e coruñeses que esta cidade non ten un grave problema de acceso á vivenda e que non ten que ser declarada zona residencial tensionada”, afirmou a deputada Mercedes Queixas.

“Como xa anticipou na campaña a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, o BNG vaille dar impulso á declaración da Coruña como zona tensionada. A vivenda é un problema social de primeira orde na nosa cidade. Canto á comarca, desde logo poremos o foco na mellora da mobilidade e nese sentido unha das nosas tarefas centrais será a de promover a constitución da Área Metropolitana”, avanzou.

A comparecencia abriuna Daniel Carballada, responsábel comarcal do BNG, quen puxo en destaque que na nosa comarca o incremento porcentual do Bloque nas pasadas eleccións galegas en relación aos anteriores comicios -56%, de 44 mil votos a 68 mil- foi superior ao rexistrado no conxunto do país -cun aumento do 50%.

Por súa banda, a oleirense Iria Taibo, que se estrea na cámara galega, avanzou que unha das primeiras iniciativas do BNG será a proposta dun novo plan viario comarcal (o vixente ten 20 anos) e o impulso dunha infraestrutura de comunicación tan básica como a Vía Ártabra, recuperando o seu deseño orixinal, vertebrador da comarca.

“Son moitos os deberes pendentes da Xunta coa comarca da Coruña”, remarcou Queixas, quen a seguir avanzou: “Desde o BNG darémoslle voz propia en continuidade co labor feito na pasada lexislatura. E cada crítica sempre irá acompañada dunha proposta alternativa”.

Ambas deputadas,  poñen o acento no necesario reforzo dos servizos públicos (sanidade, educación, coidado das persoas idosas, atención á dependencia) ben como tamén no reforzo da mobilidade en tren, coa mellora necesaria da conexión con Ferrol.

“Desde o BNG pensamos nas persoas como centro do noso labor e por iso facemos propostas políticas para mellorar a vida das persoas. Imos estar á altura da inmensa confianza recibida: no BNG continuaremos a traballar para transformar o País cunha oposición útil e construtiva, con outra forma de facer política lonxe da crispación e os insultos”, concluíu.

 

0.077163934707642