O BNG pon en marcha a campaña sobre vivenda: 'Vivir na Coruña... é imposíbel'

ACoruñaXa
Os nacionalistas denuncian a escalada dos prezos e propoñen medidas para garantir o acceso a unha vivenda digna
Presentación BNG 'Vivir na Coruña é imposible'
2 Dec 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) deu a coñecer este luns a súa nova campaña sobre o acceso á vivenda na cidade, baixo o lema "Vivir na Coruña... é imposíbel". Durante a presentación, Ignacio Siota, responsábel local do BNG, e a concelleira Avia Veira sinalaron a crecente dificultade para atopar unha vivenda a prezos accesibles na cidade herculina.

“Os prezos das vivendas están a alcanzar niveis imposíbeis para persoas con salarios medios”, destacou Siota. Na mesma liña, Veira engadiu que “nin PP nin PSOE están a tomar en serio o problema da vivenda”.

A campaña, que xa se pode ver nas rúas da cidade, inclúe cartaces que denuncian a situación actual, amosando prezos desorbitados, pisos baleiros e vivendas destinadas ao uso turístico. A través dun código QR nos cartaces, os cidadáns poden acceder a unha páxina web onde se detallan as propostas do BNG en materia de vivenda.

O BNG insta ao Goberno Local a adoptar unha serie de medidas concretas para afrontar a crise da vivenda en A Coruña. En primeiro lugar, consideran fundamental que o Concello intensifique a presión política sobre a Xunta de Galicia para declarar a cidade como zona tensionada, unha acción que permitiría regular os prezos do alugueiro nas áreas máis afectadas. Ademais, propoñen reforzar a Empresa Municipal de Vivenda, dotándoa de recursos e competencias suficientes para actuar como verdadeiro motor de políticas habitacionais públicas. O BNG tamén subliña a importancia de regular as vivendas de uso turístico, unha das causas que contribúen ao incremento dos prezos, e ampliar o parque municipal de vivendas para atender ás necesidades das maiorías sociais.

En canto á Xunta de Galicia, o BNG reclama que deixe de postergar decisións e actúe con urxencia. Entre as medidas que propoñen atópase a creación dun programa de compra de vivendas baleiras, unha solución máis ecolóxica e inmediata que a construción de novas edificacións. Non obstante, isto non debe impedir a promoción de novos proxectos de vivenda pública. Tamén solicitan a posta en marcha dun sistema de axudas ás persoas que están en risco de desafiuzamento, co obxectivo de que poidan manter as súas moradas. Outra prioridade sería a creación de novas residencias públicas para estudantes universitarios, xa que, como lembran, as primeiras prazas en A Coruña só se lograron grazas ao esforzo da Deputación e do Concello, sen ningún apoio da Xunta.

A nivel estatal, o BNG insiste en que o Goberno debe asumir a súa responsabilidade para mellorar a situación habitacional. Entre as propostas inclúen a limitación dos prezos do alugueiro e dos xuros hipotecarios, medidas que garantirían maior estabilidade e accesibilidade para a cidadanía. Ademais, propoñen aumentar a reserva de solo destinado a vivenda pública nos novos desenvolvementos urbanísticos e a cesión gratuíta aos concellos dos inmóbeis da Sareb, que actualmente permanecen inutilizados. Por último, destacan a necesidade de liberar os terreos do Ministerio de Defensa para uso social, deixando de tratar estes espazos coma meros activos económicos baixo a xestión de Defensa S.A.

Veira tamén lembrou a importancia de avanzar en proxectos coma o de Monte Mero, subliñando que as novas vivendas públicas deberían estar destinadas maioritariamente a alugueiros e non á venda.

Unha demanda de actuación inmediata

O BNG insistiu na necesidade de que as administracións pasen dos anuncios aos feitos. “Galiza está á cola do Estado en políticas de vivenda pública, e A Coruña está pagando as consecuencias”, lamentou Veira.

Con esta campaña, o BNG reafirma o seu compromiso co dereito a unha vivenda digna e critica a inacción tanto da Xunta como do Concello e do Goberno central.

⚙ Configurar cookies
0.23311901092529