O BNG pide unha maior implicación por parte do Concello no deseño da fachada marítima
Esta mañá de venres celebrouse en María Pita a Comisión Especial da Fachada Marítima, convocada e presidida polo portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera na que se debruzou sobre as perspectivas para a constitución dun consorcio que xestione os peiraos da dársena interior unha vez que estes fiquen liberados dos usos portuarios.
“Fai un falta un maior liderado do Concello no deseño da nova fachada marítima. O Goberno Local afirma que ten mantido conversas discretas e sen publicidade con resto de entes implicados. Asegura tamén que nun prazo de arredor de dous meses podería haber un primeiro avance dunha proposta de acordo. En calquera caso, a discreción non debe estar rifada coa necesaria transparencia e para que o Concello participe dun acordo hai que contar con todos os grupos municipais e por ese motivo na reunión demandámoslle información ao Goberno Local”, salienta Jorquera.
Para o BNG non é posible abordar a transformación dos peiraos “sen a implicación de todas as administracións”: o Concello da Coruña ten as competencias en materia de urbanismo, os terreos son de titularidade estatal e o presidente da Autoridade Portuaria é proposto pola Xunta de Galiza. “Polo tanto, é necesario o concurso de todas as administracións, como o é tamén abordar o problema da débeda contraída polo Porto da Coruña con Portos do Estado para a construción de Punta Langosteira. Porque esa débeda non pode ser unha hipoteca que condicione o futuro dun porto que debe continuar a ser un motor económico da nosa cidade”, salientou.
A Comisión Especial da Fachada Marítima, avanza Jorquera, acordou establecer un prazo para a remisión de propostas de comparecencias no seo deste órgano de representantes de distintas entidades e persoas expertas que podan achegar as súas visións sobre o que debe ser a nova fachada marítima da Coruña.