O BNG pide revisar de forma periódica o estado das árbores da Coruña

ACoruñaXa
Francisco Jorquera levará ao Pleno un rogo oral tras a caída de dúas árbores ou pólas que provocaron incidentes nas últimas semanas
A CORUÑA Jorquera bng
27 Sep 2026

O viceportavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, formulará no Pleno do vindeiro xoves un rogo oral para que o Executivo municipal adopte medidas destinadas a garantir un seguimento sistemático do estado das árbores da cidade.

A iniciativa chega despois de dous incidentes rexistrados nas últimas semanas. O primeiro ocorreu o pasado 3 de setembro no Campo da Leña, onde se desprendeu unha póla dunha árbore de grande porte, moi próxima á terraza dun establecemento hostaleiro. O suceso non deixou feridos de consideración.

Unha semana despois, o 10 de setembro, produciuse outro incidente na rúa Barcelona, onde unha árbore partiu e caeu sobre dúas persoas que se atopaban sentadas nun banco. Unha delas tivo que ser trasladada a Urxencias do Hospital Universitario da Coruña.

Francisco Jorquera sinala que estes feitos provocaron “alarma en veciños e veciñas” e considera necesario reforzar o control sobre o arborado urbano.

“O grupo municipal do BNG quere facer da Coruña unha cidade verde e iso pasa por aumentar significativamente o número de árbores. Mais iso ten que ir acompañado dun seguimento sistemático para revisar o estado dos exemplares e evitar situacións de risco para veciños e veciñas”, afirma o viceportavoz nacionalista.

0.14464902877808