O BNG pide melloras nas instalacións deportivas das parroquias de Betanzos

ACoruñaXa
A formación reclama a finalización das obras no campo de fútbol do Sapeiro en Requián e o acondicionamento do pavillón de Guiliade
Imaxe de Amelia Sánchez do BNG de Betanzos
11 Nov 2024

O BNG solicitou no último pleno municipal que se leven a cabo melloras nas instalacións deportivas das parroquias de Betanzos, destacando a situación de dous espazos que, segundo indicaron, precisan urxentes actuacións de mantemento e finalización de obras. A voceira do BNG, Amelia Sánchez, sinalou que “a veciñanza de varias parroquias manifestou o seu malestar polo estado destas instalacións”.

En concreto, no campo de fútbol do Sapeiro, situado na parroquia de Requián, os veciños están descontentos coas obras de recollida de augas no seu perímetro, que quedaron sen finalizar e deixaron a instalación en peores condicións que antes do inicio das mesmas. Ante esta situación, Sánchez solicitou ao goberno local que conclúa os traballos para garantir que o campo poida ser utilizado de forma axeitada.

Noutra parroquia, en Guiliade, os veciños amosaron o seu descontento polo estado de abandono do pavillón deportivo da aldea, onde a falta de limpeza e mantemento é notoria. Desde o BNG, solicitaron tamén o acondicionamento desta instalación para mellorar o seu uso.

Ademais, o grupo municipal do BNG subliñou a necesidade de garantir servizos públicos de calidade na zona rural, resaltando que a veciñanza das aldeas ten o mesmo dereito a gozar de boas infraestruturas que os habitantes do centro urbano. “Pagamos os mesmos impostos, por iso non é aceptable que as infraestruturas das parroquias estean tan descoidadas”, concluíu Amelia Sánchez.

0.19469618797302