O BNG pide explicacións polas cortas de árbores na beira do Mendo

O BNG de Betanzos volverá levar ao pleno a polémica polas cortas de arboredo realizadas nas marxes do río Mendo, entre a zona do lavadoiro das Cascas e O Carregal. A formación nacionalista pedirá ao goberno local todos os datos sobre os traballos de tala e desbroce, despois do debate aberto a comezos de maio coa súa petición de paralización cautelar da actuación.
As nacionalistas sosteñen que os traballos afectaron a un espazo protexido pola Rede Natura 2000 e aseguran que a intervención supuxo a eliminación dunha parte importante do arborado de ribeira, con zonas nas que, segundo denuncian, a corta foi case total. A ría de Betanzos, na que desembocan os ríos Mendo e Mandeo, figura como espazo natural protexido dentro da Rede Natura 2000 polo seu valor paisaxístico e faunístico.
A voceira municipal do BNG, Amelia Sánchez, cuestiona a versión ofrecida polo goberno local sobre a actuación. Segundo a edil, non se retiraron unicamente árbores mortas, caídas ou restos vexetais acumulados no río, senón tamén exemplares sans. A formación advirte de que a eliminación de árbores de ribeira en bo estado pode alterar o equilibrio do ecosistema e favorecer a aparición de pragas.
Outro dos puntos que centrará a petición de explicacións é o momento no que se realizaron os traballos. O BNG critica que a intervención se executase en plena época de cría de aves e sostén que puido afectar a especies protexidas. Tamén cuestiona o desbroce realizado na contorna, que cualifica de excesivo e sen o control ambiental necesario.
A formación nacionalista considera que a actuación se levou a cabo 'sen o asesoramento necesario', malia que o goberno local indicara que os traballos contaban coa colaboración de Augas de Galicia. Na anterior polémica, o executivo municipal defendía que a limpeza buscaba mellorar a seguridade, a drenaxe do leito e a recuperación ambiental da zona, e que contaba con autorización do organismo autonómico.
O BNG lembra ademais que o pleno aprobou por unanimidade unha iniciativa súa para crear unha área de restauración ecolóxica na zona do Carregal, A Ribeira e o Porto de Betanzos. Por iso, ve contraditorio impulsar unha recuperación ambiental dese ámbito mentres se realizan cortas que, ao seu xuízo, deterioran o bosque de ribeira.
A petición de información chegará ao pleno ordinario, onde as nacionalistas reclamarán detalles sobre o alcance dos traballos, os permisos, os criterios técnicos empregados e as medidas previstas para restaurar a zona afectada.