O BNG pide en Betanzos acelerar a construción do by-pass de Infesta que modernice a liña A Coruña-Ferrol

ACoruñaXa
A formación nacionalista reclama ao Goberno o cumprimento do acordo de investidura, co obxectivo de reducir os tempos de viaxe e minimizar o impacto na veciñanza
BNG Betanzos
16 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego solicitou ao Goberno central que dea prioridade á construción do by-pass de Betanzos Infesta, unha infraestrutura que consideran estratéxica para a modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol. Esta actuación permitiría reducir significativamente os tempos de desprazamento entre ambas cidades e mellorar o servizo de transporte ferroviario, que leva décadas sen reformas de importancia.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou a estación de Betanzos Infesta acompañado de representantes locais e comarcais do partido, como Amelia Sánchez, portavoz no Concello de Betanzos, e Pura Ferreño, portavoz en Coirós. Durante a visita, Rego destacou que o by-pass é unha das actuacións recollidas no Acordo de Investidura co PSOE, mais lamentou que os prazos de execución avanzados no estudo informativo, que prevén ata 24 meses, sexan excesivos.

“O BNG conseguiu un compromiso histórico para modernizar unha liña ferroviaria que leva máis dun século sen melloras substanciais”, lembrou Rego. Porén, subliñou que a falta de maior implicación do Ministerio de Transportes está atrasando un proxecto que, ademais de reducir os tempos de viaxe, podería facilitar a implantación dun servizo de proximidade ferroviaria que beneficie á cidadanía galega.

Entre as demandas do BNG tamén está a de garantir que o novo trazado minimize o impacto sobre a veciñanza. “É fundamental que se tomen medidas como a instalación de barreiras acústicas ou solucións técnicas que limiten as vibracións e o ruído, así como unha planificación que reduza a interacción coas infraestruturas viarias xa existentes”, sinalou o deputado.

Ademais, Rego quixo poñer en valor outra medida incluída no Acordo de Investidura: a implantación do servizo de cercanías ferroviarias en Galiza. Este servizo, segundo explicou, comezará polas áreas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, permitindo unha mobilidade máis sostible e acabando coa discriminación histórica que sufría Galiza en relación ao transporte por tren.

Por outra banda, o BNG tamén presentou alegacións ao estudo informativo que acaba de ser exposto publicamente. A formación nacionalista propón acelerar os prazos de execución e garantir que as obras estean integradas no territorio de maneira respectuosa coa paisaxe e coa veciñanza. “Este proxecto non pode converterse nun problema para a xente; debe ser unha oportunidade para mellorar a súa calidade de vida”, engadiu Rego.

Rego concluíu destacando a importancia desta infraestrutura no contexto dun modelo de mobilidade máis verde e eficiente. “A modernización ferroviaria é esencial para reducir a dependencia do transporte por estrada, diminuír as emisións contaminantes e facer de Galiza un territorio mellor conectado”, afirmou.

0.16331195831299