O BNG pide ao Goberno local que informe das negociacións para recuperar as atraccións nas festas de San Roque

ACoruñaXa
A formación nacionalista reclama alternativas de lecer para a mocidade e solicita coñecer o estado das conversas cos feirantes ante a incerteza sobre a instalación das atraccións
Vanessa_Rey-BNG-Betanzos
30 Jul 2026

O BNG de Betanzos levou ao pleno municipal unha iniciativa para solicitar ao Goberno local información sobre as xestións que está a realizar co colectivo de feirantes co obxectivo de que as próximas festas de San Roque volvan contar cunha oferta de atraccións para a mocidade.

A concelleira nacionalista Vanessa Rey explicou que a proposta responde á preocupación existente entre un sector da veciñanza, especialmente entre os adolescentes, que o pasado ano non puideron desfrutar deste tipo de instalacións durante as festas. Segundo lembrou, en 2025 non se instalou ningunha atracción nin na praza do Campo nin na zona do Carregal debido á falta de acordo entre o Concello e os feirantes.

Desde o BNG lembran que apoiaron a decisión adoptada no verán de 2024 de trasladar as atraccións ao Carregal, unha medida que permitía reducir o impacto acústico e liberar espazo na praza do Campo. Con todo, consideran que o conflito xurdido posteriormente cos profesionais do sector acabou provocando a ausencia desta oferta de lecer nas últimas festas.

A través da iniciativa plenaria, a formación nacionalista solicitou ao Executivo local que dea conta das negociacións que se están a manter cos feirantes para a edición deste ano das festas de San Roque e que explique se existen garantías de que as atraccións volverán instalarse.

Ademais, Vanessa Rey reclamou que o programa festivo inclúa máis actividades específicas para a adolescencia, ao considerar que a oferta actual está centrada principalmente en concertos e actuacións musicais orientadas a un público adulto. Ao seu xuízo, resulta necesario ampliar as propostas de ocio para responder ás necesidades desta franxa de idade.

Na súa resposta, o Goberno municipal indicou que a situación continúa sendo semellante á do ano pasado. Segundo explicou, existen feirantes interesados en participar nas festas e xa presentaron as correspondentes solicitudes para instalar as súas atraccións, aínda que recoñeceu que, polo momento, non pode asegurar que finalmente cheguen a formar parte da programación.

0.21339702606201