O BNG pide ao goberno de Bergondo que se sume á presión para reforzar a oficina do INSS de Betanzos

O BNG de Bergondo levou ao último pleno ordinario unha petición directa ao goberno local: apoiar as reivindicacións do Concello de Betanzos para recuperar o funcionamento normal da oficina do INSS betanceira, da que depende boa parte da veciñanza de Bergondo para trámites presenciais da Seguridade Social.
Segundo expuxo o voceiro nacionalista, David Carro, a oficina leva tempo prestando servizo ‘en precario’, principalmente pola falta de persoal, unha situación que obriga a moitas persoas a desprazarse fóra para seren atendidas, mesmo cando non hai unha alternativa cómoda de transporte público desde Bergondo. Para o BNG, trataríase dun problema comarcal e non só betanceiro, polo que aposta por unha resposta coordinada dos concellos que usan esa oficina como referencia.
A demanda chega nun momento no que o Concello de Betanzos vén insistindo en que a oficina da Seguridade Social situada na rúa Pintor Seijo Rubio non volveu funcionar con normalidade desde a pandemia e que hai días nos que non se pode ofrecer atención presencial. A alcaldesa, María Barral, sinalou como causas a combinación de baixas de longa duración e o réxime de teletraballo, e avanzou contactos coa Subdelegación do Goberno para buscar unha solución estable que evite que a cidadanía teña que ir a outras oficinas para xestións básicas.
O BNG de Bergondo considera que a situación non pode cronificarse e reclama ao Estado medidas para recuperar a capacidade de atención da oficina, evitar a perda de servizos e garantir unha resposta áxil á veciñanza que depende dela.