O BNG pide activar a Xunta Local de Seguridade para dar resposta á inseguridade nos Mallos

O BNG da Coruña insta á alcaldesa a impulsar, a través da Xunta Local de Seguridade Cidadá, medidas que presten a 'atención necesaria' ao barrio dos Mallos, despois de que nos últimos tempos se rexistrase un repunte da inseguridade veciñal asociado a actos vandálicos e roubos reiterados.
A concelleira do Bloque e veciña da zona, Mercedes Queixas, avanzou que levará a situación ao pleno do vindeiro 15 de xaneiro en forma de rogo oral. O obxectivo, explica o grupo municipal, é que o Goberno local asuma un papel máis activo, lidere a adopción de medidas e faga efectivo o contido da moción impulsada polo BNG e aprobada no pasado mes de setembro.
Desde a formación nacionalista lembran que aquela iniciativa recibiu apoio unánime e propoñía unha abordaxe integral: por unha banda, actuar fronte á inseguridade no barrio e, pola outra, garantir a saúde pública, con especial énfase na atención e tratamento das persoas con drogodependencias e en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
Queixas sostén que a veciñanza dos Mallos 'merece sentirse segura' e reclama un Executivo municipal próximo e empático que exerza como primeiro responsábel á hora de dar resposta a un problema que, advirte, está a afectar á convivencia e á vida cotiá do barrio.