O BNG pide abrir ao público a urbanización do polígono de Santo Amaro tras rematar as obras

ACoruñaXa
A formación levará un rogo ao pleno de setembro para reclamar a posta en servizo dos novos espazos e conexións, que continúan pechados pese a estar finalizados
A CORUÑA bng avia veira
22 Jul 2026

O BNG reclamou ao Goberno local da Coruña que abra ao público as obras de urbanización do polígono de Santo Amaro, xa rematadas, ao considerar que o peche do ámbito está a prexudicar a mobilidade da veciñanza.

A portavoz municipal da formación nacionalista, Avia Veira, rexistrou un rogo oral para que o executivo municipal adopte esta medida, atendendo tamén á demanda expresada polos residentes da zona.

Segundo explica o BNG, os traballos iniciáronse en xuño de 2024 e permitiron crear novas conexións entre as rúas Orillamar, San Pedro, Santo Amaro e Fonte de Santo Amaro, ademais de mellorar a accesibilidade entre estes viarios e o Paseo Marítimo.

A actuación tamén incluíu a adecuación do espazo situado entre o Paseo Marítimo e a rúa Regata Cutty Sark, un itinerario utilizado habitualmente pola veciñanza de Durmideiras e das rúas da contorna.

Con todo, a formación asegura que, malia estar rematada a urbanización, o espazo continúa pechado, o que limita os desprazamentos peonís da veciñanza.

Por este motivo, Avia Veira trasladará esta petición ao pleno municipal previsto para o mes de setembro, co obxectivo de instar ao Goberno local a abrir canto antes as novas infraestruturas ao uso público.

0.098767042160034