O BNG pide á Xunta que asuma a xestión e financiamento do conservatorio de Betanzos

ACoruñaXa
O grupo nacionalista solicita tamén unha rede de conservatorios comarcais para unha oferta musical máis equilibrada
Imaxe do grupo local do BNG en Betanzos
30 Out 2024

O BNG de Betanzos levará ao pleno unha proposta para instar á Xunta a que asuma as competencias de xestión e financiamento do conservatorio municipal de Betanzos, que conta con titulación oficial. Amelia Sánchez, concelleira do BNG, subliñou que “o Concello está a asumir o custo dun servizo de carácter comarcal sen ningún apoio da Xunta, que é a administración competente para este tipo de ensino”.

O grupo nacionalista destaca que o mantemento do conservatorio se suma a outros servizos coma a escola infantil, o servizo de axuda no fogar ou o comedor escolar, o que supón un gasto significativo que reduce os recursos do Concello para asumir as súas competencias propias. Sánchez suxire que, mentres a Xunta non prevé asumir a competencia destes centros, debería convocar axudas específicas para que os concellos poidan cubrir os custos de xestión.

O BNG tamén propón a creación dunha rede de conservatorios profesionais de música comarcais, organizados segundo a proximidade e a poboación, para establecer unha oferta musical equilibrada. Sánchez engadiu que este modelo permitiría axustarse ás necesidades dos diferentes concellos e da comunidade educativa, facilitando un acceso máis equitativo á formación musical en toda a rexión.

0.19894504547119