O BNG pide a gratuidade das peaxes entre Miño e Fene durante as obras na ponte de Pontedeume
O BNG solicitou a gratuidade das peaxes do tramo de AP9 Vilar do Colo - Miño durante as obras da Ponte de Pedra entre Pontedeume e Cabanas na estrada N-651.
“Desde que comezaron as obras de rehabilitación da Ponte de Pedra que une Cabanas e Pontedeume pola N-651 o pasado mes de febreiro no BNG vimos reclamando unha solución para os problemas de mobilidade”, explicou o deputado do BNG, Néstor Rego.
“A solución ao problema pasaría por que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable eliminase as peaxes entre Fene – Miño e Cabanas – Miño, cando menos mentres se desenvolvan as obras na Ponte de Pedra, co obxectivo de aliviar o tráfico de circunvalación ás localidades de Cabanas e Pontedeume, así como o saínte de Cabanas sentido Coruña”, explicou o deputado nacionalista.
Desde o BNG explicaron que xa rexistraron esta solicitude o pasado mes de febreiro, o Ministerio negouse a contemplar esta alternativa que resolvería moitos problemas á veciñanza de Miño e da comarca das Mariñas que se despraza a Pontedeume ou Ferrol.
O BNG pediu que o goberno informe tamén de que outras medidas vai adoptar o Ministerio para evitar os problemas de mobilidade provocados por esta obra ao que como única resposta o goberno afirmou que se estudarán axustes nos desvíos e a sinalización en cada momento.
Ademais, dende o BNG aproveitaron para seguir reclamando que o goberno faga efectiva a transferencia da AP-9 á Xunta de Galiza “para incorporala á rede autonómica de estradas, garantindo un mellor funcionamento e a gratuidade completa”, concluíu Rego.