O BNG pide á alcaldesa da Coruña que convoque ao Consello Municipal de Cultura
O BNG da Coruña pide á alcaldesa, Inés Rey, que cumpra co seu compromiso e convoque unha nova reunión do Consello Municipal de Cultura coa fin de elixir a súa comisión permanente.
Dende o partido, sinalan que o Consello Municipal de Cultura (CMC) realizou, no Centro Ágora, a súa sesión constitutiva o pasado 16 de novembro de 2023. Non fora sen tempo: constituíase un ano e medio despois de o ter reclamado o Pleno (durante o pasado mandato) e após o BNG telo demandado nunha outra sesión plenaria xa no presente período.
Apuntan que nesa sesión constitutiva acordouse convocar unha nova xuntanza en marzo de 2024 para elixir a Comisión Permanente do Consello. A tal efecto abríase un prazo (que se estendía até o 31 de xaneiro) para a presentación de candidaturas á vicepresidencia do órgano (a alcaldesa é a presidenta) e para as 7 vogalías que irían constituír esa Comisión Permanente.
O asunto é que esa nova xuntanza non foi convocada por quen o debería facer, a alcaldesa na súa calidade de presidenta do CMC. “Non tivemos ningunha noticia, nin da convocatoria nin da presentación das candidaturas”, indica a nosa concelleira Mercedes Queixas que, con tal motivo, rexistrou unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local.
A non convocatoria desa reunión supón “unha nova demora na posta en funcionamento do CMC” e, consecuentemente, vólvese adiar a materialización do dereito da veciñanza coruñesa a participar na definición da política cultural do Concello.
“Este incumprimento do prazo comprometido non transmite a necesaria confianza que precisa e merece o tecido cultural da cidade, que agarda do Goberno Local o cumprimento do Regulamento Orgánico aprobado para o desenvolvemento do CMC de xeito que atenda as súas funcións: servir de espazo de encontro, relación e consenso sectorial”, acrecenta Queixas.
Canto ás cuestións que formula a través desta iniciativa, a concelleira nacionalista quere saber como xustifica o Goberno Local a demora na posta en funcionamento do CMC, que plan de traballo prevé desenvolver durante 2024 e con que cronograma.
De resto, Queixas inquire tamén o Goberno Local cando se vai realizar a seguinte sesión ordinaria do Pleno do CMC (en que se debería elixir a Comisión Permanente) e por que a reunión non foi convocada en marzo “como se comprometera na sesión constitutiva do mes de novembro de 2023”.