O BNG pide 80 millóns de euros máis para A Coruña e a súa comarca nos orzamentos da Xunta

O BNG reclamou hoxe, a través das súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2025, un incremento de 80 millóns de euros destinados á cidade da Coruña e a súa comarca. As deputadas Mercedes Queixas e Iria Taibo criticaron que o proxecto actual dos orzamentos autonómicos reduce o gasto na área ao pasar de 107 millóns en 2024 a 101 millóns para o próximo ano.
“Con estes orzamentos, a Xunta vólvelle virar as costas á Coruña e á súa comarca, desatendendo o seu enorme potencial económico, cultural e social”, afirmou Queixas, mentres que Taibo destacou a falta de compromiso do Goberno galego coa zona.
As emendas inclúen partidas para reforzar os servizos públicos, como a creación dun centro de día para maiores (3 millóns de euros), o impulso dun parque público de vivenda e a construción de residencias universitarias. Tamén se inclúen dotacións para mellorar infraestruturas educativas e sanitarias, como os Centros de Orientación Familiar de Orillamar e Ventorrillo (200.000 euros cada un) e o Centro de Saúde do Novo Mesoiro (200.000 euros).
Na área cultural, o BNG propón destinar 500.000 euros para poñer en valor a Fundación Luís Seoane e 1 millón anual durante cinco anos para saldar a débeda da Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galicia.
Na comarca, destacan as emendas para completar a Vía Ártabra e conectar con A6, liberar peaxes na AG-55 no tramo Arteixo-A Coruña e fomentar a construción de vivenda pública en concellos como Arteixo, Culleredo ou Oleiros. Tamén inclúen investimentos ambientais, como un plan de xestión da Costa de Dexo (300.000 euros) e a descuberta do río Maior de Sada (100.000 euros).
“Somos o motor económico de Galicia e precisamos un maior apoio para desenvolver o sector industrial e o I+D+i”, concluíu Queixas.